Galego alén da morte
Morrer e ser lembrado/a en galego segue a resultar absolutamente excepcional no país. Así o puido comprobar un grupo de alumnado de 4.º ESO que, os días 23 de maio e 5 de xuño, visitou tres dos cemiterios parroquiais da periferia da cidade de Lugo, concretamente os de San Lázaro da Ponte, Santiago das Saamasas e San Lourenzo de Albeiros.
Servíndose dunha ficha para a recollida de datos, o alumnado procedeu á inspección dos panteóns e sepulturas individuais dos citados camposantos, na procura de inscricións (de propiedade ou de defunción) redactadas en lingua galega. Os resultados xerais, exemplificativos da castelanización masiva do ámbito funerario en Galicia, foron os seguintes:
- No cemiterio da Ponte só se localizou unha posible placa en galego, nun total de 246 panteóns revisados; trátase, ademais, dun caso ambiguo, pois o idioma empregado podería ser considerado tanto galego escrito segundo a norma reintegrada como portugués.
- Nas Saamasas, con 88 familias representadas, tamén se atopou unha única inscrición en galego.
- Dos 133 panteóns ou tumbas de Albeiros, ningún ten presenza inequívoca de galego.
Nas vindeiras semanas, agardamos poder publicar as táboas cos datos detallados, que sen dúbida convidan a unha profunda reflexión sociolingüística.
Ana Rodríguez Barreiro
Nota aclaratoria. Esta nosa publicación toma o título dun artigo de Xesús Alonso Montero, cuxa referencia bibliográfica completa é a seguinte: ALONSO MONTERO, Xesús. 2000 [1998]. "Galego alén da morte". En Beatus qui legit. Artigos periodísticos (1998-1999). 50. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela.
Actualización (27/06/2023). Xa poden consultarse as táboas cos datos detallados na publicación de Calameo Galego alén da morte. A presenza da lingua galega nos cemiterios da Ponte, As Saamasas e Albeiros (Lugo).
Comentarios
Publicar un comentario