Vizoso no Día da Ilustración
Cada 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento de Castelao, celébrase o Día da Ilustración en Galicia. Tras dedicarse nas pasadas edicións a Álvaro Cebreiro (2017), Camilo Díaz Baliño (2018), Federico Ribas (2019), Cándido Fernández Mazas (2020), Lolita Díaz Baliño (2021), Reimundo Patiño (2022), María Antonia Dans (2023) e Chichi Campos (2024), neste 2025 o homenaxeado é por primeira vez un artista vivo ―e, ademais, especialmente vencellado ao IES Ánxel Fole―: Xosé Vizoso.
Deseñador e ceramista en Sargadelos, alén de cartelista, muralista e ilustrador de libros, o mindoniense Xosé Vizoso é autor dunha obra de gran forza visual que bebe nas fontes da imaxinaría e a cultura tradicionais galegas. Entre as súas pezas máis senlleiras atópase o mosaico mural Lembrando a Fole, que preside o patio dianteiro do noso centro e constitúe un auténtico emblema deste. O mosaico, confeccionado con teselas cerámicas brancas e negras nun estilo que podería cualificarse de cubismo sintético galego, amosa algúns dos elementos máis característicos do universo literario de Ánxel Fole: o sol, a lúa, as montañas, a vaca e os lobos. A historia da súa creación pode lerse na publicación Arte urbana lucense. Fichas de catalogación, resultado dun proxecto desenvolvido no IES Ánxel Fole durante os cursos 2021/22 e 2022/23.
Para conmemorarmos o Día da Ilustración 2025, no instituto leváronse a cabo distintas actividades didácticas:
- Montouse no vestíbulo unha pequena exposición que, por unha banda, recorda a orixe desta efeméride e, por outra, enxalza a figura de Vizoso e o seu mural de temática foleana, do cal se inclúen varios bosquexos e fotografías facilitados polo artista.
- Proxectouse nas aulas a curtametraxe documental Xosé Vizoso e Sargadelos, dirixida por Aser Álvarez González para Arraianos Producións.
- Na biblioteca escolar, realizouse unha escolma de títulos acerca de Vizoso, a ilustración e a arte galegas.
Ana Rodríguez Barreiro
Comentarios
Publicar un comentario