Galego alén da morte (III)

Continuando un traballo de campo desenvolvido nos dous últimos cursos, e sobre o que dan conta as entradas deste blog "Galego alén da morte" e "Galego alén da morte (II)", o alumnado de 4.º PDC visitou, os pasados 14 de novembro, 17 de decembro e 16 de xaneiro, tres cemiterios de parroquias rurais do concello de Lugo, na procura de inscricións funerarias en lingua galega.

Os resultados obtidos, que poden consultarse polo miúdo en Calameo, son, grosso modo, os seguintes:

  • En Santa María Madanela de Adai, dun total de 46 panteóns, tres conteñen algún epitafio en galego (6.52 %).
  • Das 104 familias representadas en San Miguel de Orbazai, unha redacta en galego a lembranza a un ser querido (0.96 %).
  • En Santiago de Piúgos, un panteón dos 98 existentes amosa presenza de galego (1.02 %).

Malia a dura realidade sociolingüística que reflicten as exiguas porcentaxes de galego, algúns camposantos agochan sorpresas que, en forma de sentidos textos de despedida, convidan a manter a esperanza no camiño de dignificación do idioma e a cultura de noso. Conmoveunos especialmente, polo compromiso que supón coa historia persoal e colectiva, unha inscrición do cemiterio de Adai inspirada nestes fermosos versos de Xohana Torres:

Ollos da miña nai. Cobizos de lareira sempre ó fogo.
¡Seica os ventos vos perden ou vos choran!…

Sen iles, miña historia non ten ollos.

("Nai", Do sulco, Vigo, Galaxia, 1957, p. 26).

As saídas didácticas a cemiterios realizadas dende o IES Ánxel Fole mereceron a atención da prensa nos últimos meses. Deixamos a seguir algunhas ligazóns a novas de distintos medios:


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios