Galego alén da morte (II)

O curso pasado, realizamos unha serie de visitas a varios dos cemiterios parroquiais da cidade de Lugo na procura de epitafios redactados en lingua galega. Para completar o estudo iniciado entón, o alumnado de PDC de 3.º ESO acudiu o 4 de xuño de 2024 ao cemiterio de San Pedro Fiz de Muxa, onde, unha vez máis, puido constatar a escasísima presenza do galego no ámbito funerario: dun total de 189 panteóns con algún tipo de lenda, ningún posúe inscrición de propiedade na nosa lingua, e só un amosa unha inscrición de defunción en galego. A ficha de recollida de datos completa pode consultarse aquí.

A placa en galego atópase no nicho en que repousan os restos do crego Antonio Gandoy Díaz (1930-2002), nado en San Fiz e alcumado o Cura da Bicicleta, pola súa afección a desprazarse neste tipo de vehículo. Antonio Gandoy foi delegado de Cáritas Diocesana de Lugo, impulsou o programa educativo dirixido a familias do medio rural Preescolar na Casa e desenvolveu un importante labor social con distintos colectivos (persoas da terceira idade, de etnia xitana, inmigrantes etc.).

O alumnado tamén aproveitou a visita a San Fiz para coñecer a súa igrexa, que normalmente permanece pechada fóra do horario de culto. A feitura do templo, de formas sinxelas e elegante espadana de dous vans, coincide coa que se xeneralizou pola comarca no s. XVIII.



Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios