As Letras de Begoña Caamaño

Para celebrar o Día das Letras Galegas, dedicado neste 2026 á escritora e xornalista viguesa Begoña Caamaño, no IES Ánxel Fole desenvolvéronse distintas actividades, entre as que destacan as seguintes:

a) Audiovisual Morgana en Esmelle. Alumnado de 3.º e 4.º ESO asistiu, o día 21 de maio, á proxección e coloquio de Morgana en Esmelleserie audiovisual que adapta, en catro episodios curtos, a novela homónima de Begoña Caamaño. A microserie, en cuxa difusión colabora a Deputación de Lugo, é un proxecto da cooperativa Aqueladas, centrada na creación de contidos audiovisuais interactivos e transmedia en galego.

b) Fotografías para Begoña Caamaño. O pasado mes de abril, a fotógrafa lucense Alba Díaz presentou a exposición “A lingua do futuro / O futuro da lingua”, unha homenaxe á rapazada que fala e vive en galego nunha situación de emerxencia lingüística.

Interactuando co traballo de Alba Díaz, o alumnado de 3.º PDC fotografouse con palabras relacionadas coa vida e a obra de Begoña Caamaño. O resultado son unhas imaxes coloristas en que as verbas se funden cos corpos para lembrarnos que, nas nosas mans e nos nosos rostros, levamos compromiso, igualdade, alegría, solidariedade... e lingua sempre.

c) Exposición bibliográfica e artísticaDurante o mes de maio, puido verse no vestíbulo do centro unha exposición de libros de (e sobre) Begoña Caamaño. A mostra acompañouse de dous fermosos retratos que, inspirándose en senllas fotos de Begoña, realizou a alumna de 3.° PDC Hia Sheikh.

d) Pódcast con Begoña Caamaño. O alumnado de 3.º PDC elaborou un guión radiofónico e gravou, na radio escolar, unha ficticia entrevista a Begoña Caamaño, a través da cal afondou na personalidade, o quefacer xornalístico, a produción literaria etc. da homenaxeada nestas Letras.


Carmen M.ª Pérez Pardo, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Comentarios