Monoulious DOP no Ánxel Fole

Por xentileza do Correlingua, o grupo Monoulious DOP tocou e cantou esta mañá para o alumnado de 1.º BAC, que precisamente hoxe remataba a primeira avaliación do curso.

Monoulious DOP naceu en 2012 como un proxecto musical exclusivo para internet. Ula e Mon, dous amigos da ría de Muros e Noia, comezaron a compartir videoclips que eles mesmos producían e que, coa forza das redes sociais, axiña contaron co apoio do público. Este empuxe da xente foi o que os afoutou a actuar en directo en formato de dúo acústico.

No Cantalingua 2021, concurso que quere axudar os grupos que deciden usar o galego a amosar todo o seu potencial ante o alumnado dos centros de ensino de Galicia, Monoulious DOP quedou en terceiro lugar, co tema "Inmunízate co galego". Foi o alumnado dos centros que pediron ser xurado quen escolleu as cancións gañadoras.

Monoulious DOP encheu o patio do Ánxel Fole de músicas cargadas de ritmo, ironía e bo humor, e implicou arreo o alumnado, que repetiu retrousos, escenificou coreografías e pediu bises.

Longa vida á música galega! "Temos a casa pequena pero moi grande o corazón".

Deixamos máis fotos e vídeos neste álbum da nosa páxina de Facebook.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios