Videoconferencia de Sonia Villapol

Dende hai anos, os centros escolares de Galicia celebramos en novembro o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de mostrar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, investigación e ensino científicos.

Un grupo de alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1.º BAC participamos o 16 de novembro nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na de Sonia Villapol Salgado dende Houston (Texas): “O que aprendemos da pandemia”.

Segundo os datos achegados na videoconferencia pola científica, soamente en Galicia faleceron máis de 2600 persoas por mor da COVID-19. A pesar de todos os estragos que causou esta enfermidade, o ser humano foi capaz, grazas á ciencia, de desenvolver estratexias para convivir co virus e axudar a controlar a súa transmisión; entre elas destacan a vacinación, o uso de máscaras, a distancia social, a ventilación, etc. Tamén contribuíu á mellora da situación a colaboración da cidadanía e o feito de que persoeiros como Bill Gates investisen parte do seu capital en investigación, o que permitiu contar con vacinas nun tempo récord.

Por outra parte, Sonia lembrou que, a día de hoxe, segue a haber xente que nega a existencia do coronavirus, que cre que os virus viaxan a través das redes wifi dos móbiles 5G ou que sostén que as vacinas son un xeito de controlar a poboación ou mesmo un método de implantación de microchips.

Como afirma a OMS, "Non estamos loitando só contra unha pandemia; estamos loitando contra unha infodemia".


Eva Riveiro Nogareda e alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 1.º BAC B


Comentarios