Aura 1964

Esta mañá, profesorado do club de lectura e mais varios alumnos/as de 1.º BAC asistiron á presentación do guión cinematográfico Aura 1964 no centro cultural O Vello Cárcere. Con este título a editorial Galaxia inaugura a colección “Guión” do seu catálogo, na que aposta pola publicación de textos escritos para o cine. A obra, que recolle o guión da nova película do recoñecido director galego Ignacio Vilar (Pradolongo, Vilamor, A esmorga, Sicixia, María Solinha), supón un fito sen precedentes, pois é a primeira vez que, no estado español, se dá a coñecer o guión dun filme antes da estrea deste en cines.

O protagonista de Aura 1964 é Siro, un adolescente que, no Ourense de 1964, cando a ditadura celebra os seus “vinte e cinco anos de paz”, coñece a opresión e o adoutrinamento no centro educativo en que se atopa interno, mais vive tamén, xunto aos seus amigos Cosme e Bento, momentos de iniciación e descuberta, nunha busca constante da liberdade.

A actividade realizouse aceptando o convite da produtora Vía Láctea Filmes e do propio Ignacio Vilar, que no mes de outubro mantiveron un encontro coa coordinadora do EDLG e manifestaron o seu interese en que algúns membros da comunidade educativa estivesen na presentación do guión, participando activamente no coloquio e compartindo as súas impresións sobre a obra.

Poden verse máis fotos do acto no álbum da nosa páxina de Facebook.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios