Visita ao conxunto arqueolóxico de Adai

O alumnado de 4.º PDC visitou o 14 de novembro o complexo arqueolóxico de Pedra (ou Pena) Fita, na parroquia de Adai (Lugo), composto, entre outros, polos seguintes elementos:

a) Dolmen de Adai, pequeno monumento do Neolítico en cuxa contorna se achan varios montículos de terra que poderían constituír mámoas dunha mesma necrópole.

b) Corro dos Mouros ou Castrillón de Adai, círculo lítico da Idade do Bronce que foi obxecto de varias intervencións arqueolóxicas nos últimos anos. Lugar de enterramentos e cerimoniais prehistóricos, a roda de Adai probablemente estivo cuberta cunha coiraza de seixo branquísimo que a faría brillar dende o lonxe; ao seixo atribúenselle na cultura galega fins apotropaicos (para afastar o mal ou propiciar o ben) e psicopompos (para facilitar o tránsito das ánimas cara ao alén).

c) Altar de Adai, enigmática estrutura megalítica de orixe e finalidade difíciles de precisar e sen parangón no rexistro arqueolóxico galego. Trátase dunha laxe granítica, de forma elíptica e lixeiramente inclinada, que puido funcionar como base dalgún tipo de edificación. Atópase rodeada por 18 buracos, posiblemente para postes, comunicados entre si cunha canle ou suco en que encaixaría un estreito muro de material vexetal. Na parte central da pedra aparece unha pía circular que desauga noutra rectangular, quizais empregadas para facer decantacións ou libacións.

O lugar podería ser un templo (talvez dedicado ao deus Lug) ou unha construción doméstica comunal (ao xeito das longhouses de Europa central). Outras investigacións apuntan cara a un auguraculum, santuario-observatorio para a toma de augurios a partir do exame do voo das aves.


d) Abrigos rochosos e pías de distintos tamaños, abundantes na parte máis elevada do xacemento, dende onde se obteñen unhas vistas incomparables da cidade de Lugo e os seus arredores.


Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios