Historia e natureza en Castro de Rei
O alumnado de 3.º PDC desprazouse o día 9 de outubro ata o concello de Castro de Rei, onde participou nas seguintes actividades:
1. Visita comentada ao castro de Viladonga e o museo arqueolóxico adxacente. No xacemento, auténtico modelo formal de castro característico do noroeste, distínguense varias murallas e fosos, dous antecastros dispostos a xeito de socalcos e unha ampla croa central, que alberga a maioría das construcións descubertas ata agora: vivendas, currais, almacéns, edificios de uso social ou comunal etc. O museo, pola súa parte, ofrece información xeral sobre a cultura castrexa e expón unha selección dos abondosos materiais que proporcionan as continuas escavacións realizadas en Viladonga: ferramentas, armas, pezas cerámicas, obxectos de vestimenta e adobío, moedas, xogos, amuletos etc.
2. Camiñada pola ruta do Azúmara, sendeiro lineal, duns 7 km de lonxitude, que une o castro de Viladonga coa localidade de Castro de Rei. A ruta atravesa zonas de monte e de bosque autóctono á beira do río Azúmara e permite contemplar vellos muíños, unha mina de arsénico abandonada e outras mostras de arquitectura civil e relixiosa.
Ana Rodríguez Barreiro
Comentarios
Publicar un comentario