Día Internacional da Tradución

O 30 de setembro celébrase cada ano o Día Internacional da Tradución, en que se conmemora o falecemento de S. Xerome de Estridón (c. 340-420), tradutor da Biblia dende o grego e o hebreo ao latín (versión coñecida como a Vulgata, ou edición feita para o pobo).

Como dixo José Saramago, "Os escritores fazem as literaturas nacionais e os tradutores fazem a literatura universal. Sem os tradutores, nós os escritores não seríamos nada, estaríamos condenados a viver fechados na nossa língua". Vaia dende aquí o noso recoñecemento para todas esas persoas, intermediarias do idioma, que abriron fiestras no seu labor de verter ao galego as grandes obras doutras culturas, moitas das cales poden lerse hoxe en Bivir. Biblioteca Virtual de Literatura Universal en Galego.

Compartimos a seguir un fragmento da coidada tradución de O principiño (Antoine de Saint-Exupéry, 1943) realizada por Carlos Casares para a editorial Galaxia. Nel exponse unha das máis deliciosas concepcións literarias do amor:


"Entón apareceu o raposo.

—Bos días —dixo.

—Bos días —respondeu cortesmente o principiño [...]—. ¿Quen es ti? [...] Es moi bonito...

—Eu son un raposo —dixo o raposo.

—Ven xogar comigo —propúxolle o principiño—. ¡Estou tan triste...!

—Non podo xogar contigo —dixo o raposo—. Non estou domesticado.

—¡Ah...! ¡Perdón! —desculpouse o principiño.

Pero despois de pensar un pouco, engadiu:

—¿Que significa “domesticar”? [...].

—É unha cousa demasiado esquecida —dixo o raposo—. Significa “crear vencellos”.

—¿Crear vencellos?

—Claro —dixo o raposo—. Ti non es aínda para min máis que un rapaciño semellante a outros cen mil rapaciños. E non me cómpres para nada. Tampouco ti tes necesidade de min. Para ti eu non son máis que un raposo semellante a outros cen mil raposos. Pero se ti me domesticas, teremos necesidade un do outro. Ti serás para min único no mundo. E eu tamén serei para ti único no mundo...

—Empezo a comprender —comentou o principiño— [...].

E despois, volvendo á súa idea, dixo [o raposo]:

—A miña vida é monótona. Cazo galiñas e os homes cázanme a min. Tódalas galiñas se parecen e tódolos homes se parecen tamén. Por iso abúrrome un pouco. Pero se ti me domesticas, a miña vida estará chea de sol e coñecerei un ruído de pasos diferente de tódolos demais. Os outros pasos fanme meter debaixo da terra. Os teus chamaranme, como se fosen unha música. Ademais, mira. ¿Ves alá os campos de trigo? Eu non como pan. Para min o trigo é inútil. Os campos de trigo non me recordan nada, e iso é triste. Pero ti te-los cabelos dourados. Se me domesticas será marabilloso. O trigo, que é dourado tamén, traerame o teu recordo e gustarame escoita-lo ruído que fai o vento entre as meses...

O raposo calou e quedou mirando un bo anaco de tempo para o principiño.

—Por favor —díxolle—, domestícame".


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios