Día das Escritoras

O Día das Escritoras é unha iniciativa que, promovida dende 2016 pola Biblioteca Nacional, busca reivindicar o labor e o legado das escritoras a través da historia. Celébrase o luns máis próximo á festividade de Teresa de Jesús (15 de outubro), polo que en 2021 a data elixida foi o 18 de outubro. Esta sexta edición estivo comisariada pola poeta e filósofa Marifé Santiago Bolaños, en cuxo manifesto, baixo o lema "Ler as idades da vida", afirma o seguinte:

"[...] A nosa primeira biblioteca foi de aire, en forma de canto ou de conto. En forma de palabras que se fiaban as unhas ás outras e ían espertando a nosa diminuta conciencia. Nais, avoas, tías. Mestras. Amigas. E na viaxe do tempo, eramos nenas, adolescentes, mulleres novas, maduras; [...] porque os libros foran recollendo as nosas idades. As idades da vida. Unha biblioteca no corazón. Día das escritoras.

Unha festa da lectura, unha festa dos lugares infinitos da lectura, unha festa das bibliotecas que simbolizan eses lugares onde a idade queda escrita, intacta. Ler as idades da vida. Ler ás escritoras, lernos coas escritoras, que as escritoras sexan, connosco, lectoras [...]. Xuntas [...]. Xuntas significa "estamos a compartir miradas do mundo, estamos a nos mirar sen medo, mírote e mírome para que poidamos mirar o mundo". Iso chámase "igualdade" [...] e ese é o obxectivo do Día das Escritoras: que o espazo do común o sexa de liberdade, [...] igualitario por vocación [...]. Ler, de verdade, todas as idades de todas as vidas. E compartilo nunha festa lectora do tempo".

(A tradución é nosa)

No IES Ánxel Fole conmemoramos o Día das Escritoras coa realización dun recital no patio do centro. Organizado pola biblioteca escolar e o EDLG, nel participou alumnado de todos os cursos lendo, por quendas, textos de preto dunha trintena de autoras, quer poetas, quer narradoras. A lectura acompañouse con música de fondo de compositoras galegas.

Unha alumna recita "Palabras", de María Reimóndez

Así mesmo, confeccionouse un mural no que, sobre o logotipo do Día das Escritoras (a silueta dunha muller a teclear nunha máquina de escribir), se foron colocando as imaxes das autoras dos textos seleccionados.


Na nosa páxina de Facebook pode verse un álbum con máis fotos e vídeos do acto.


Ana Rodríguez Barreiro




Comentarios