Encontro con Lois Pérez

Alumnado de 1.º ESO dos clubs de lectura do Ánxel Fole participou o 14 de decembro nun encontro co escritor Lois Pérez, que presentou no centro a súa novela A gruta da torre, gañadora do V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.

O argumento da obra, que tomamos da web da editorial Xerais, é o seguinte:

"Rematado o curso, Lois viaxa coa súa familia a pasar outro verán en Ribadeo. Quique, Greta e o resto da cuadrilla agardan por el, e ese ano hai tamén unha nena nova. Non a coñece, mais morre por falar con ela... Na vella biblioteca da Torre dos Moreno, Quique encontra un libro e, no interior, un misterioso documento que fala dun pasadizo. Onde estará? Deciden que teñen que atopalo. A investigación vese sacudida pola aparición dunha foca, Cuquita, e tamén por uns estraños sucesos no faro da Illa Pancha. Quen os persegue? Por que un home lles amosou unha pistola? Quirina e Estrela tamén procuran a resposta. Namentres, Marquiños escoitou a voz de seu pai no mar... Unha aventura trepidante, atravesada pola forza da amizade, os primeiros amores e o valor dos libros, no Ribadeo de 1990".

Rapazada e novelista confrontaron puntos de vista sobre a obra, formularon e contestaron preguntas, reflexionaron sobre o oficio de escribir e, en definitiva, compartiron unha sesión do máis agradable ao redor da literatura. Porque, como sinalou o autor na súa dedicatoria para o instituto, as palabras tamén axudan a "buscar a luz no que non brilla".



Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios