Entrega de premios do "Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais"

O pasado venres, tivo lugar en Santiago de Compostela a entrega de premios do "Concurso de imaxes gráficas e pezas audiovisuais" que, con motivo da celebración do 25 de novembro, convocaron a Secretaría Xeral da Igualdade e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa. No acto, presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, recibiu o seu galardón Miguel Ángel García Goyos, de 1.º ESO D, gañador na primeira categoría da modalidade de imaxe gráfica, coa obra Non sexas o seu xoguete.


Miguel Ángel, a quen felicitamos novamente dende aquí, estivo arroupado por varios/as compañeiros/as do grupo e pola súa profesora de Lingua e Literatura Galega. Ademais, mentres esta representación do Ánxel Fole participaba na entrega de premios, o resto do alumnado e profesorado do centro lucía orgulloso as chapas que, a partir do cartel de Miguel Ángel, foron confeccionadas expresamente para a ocasión.



Beatriz López Dourado e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios