Exposición sobre Ángeles Alvariño

Dende hai anos, os centros educativos de Galicia celebran en novembro o Mes da Ciencia en Galego, co obxectivo de amosar que a lingua galega é útil e tan válida como calquera outra para facer pescuda, ensino e divulgación científica. No 2022, Ano Internacional das Ciencias Básicas para un Desenvolvemento Sostible (oceanografía, simetría, meteoroloxía, etc.), as persoas homenaxeadas son Ángeles Alvariño e Évariste Galois.

Neste contexto, o alumnado de Cultura Científica de 1.º BAC preparou unha exposición sobre a oceanógrafa, zoóloga e profesora Ángeles Alvariño González. A mostra, colocada dende onte no vestíbulo do centro e accesible a toda a comunidade educativa, recolle carteis e maquetas que lembran a biografía, a traxectoria e as achegas fundamentais da destacada científica ferrolá.

A exposición complétase cunha selección de libros da biblioteca escolar, concretamente algúns de/sobre mulleres científicas e outros centrados na temática dos océanos, que tanto ocupou a Ángeles Alvariño.



Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios