Xogando con Azul

Cando Manuel I o Afortunado, rei de Portugal, visitou o Palacio da Alhambra, quedou cativado pola impoñente beleza da decoración, formada por pezas de cerámica de cor azul e branca de procedencia árabe ás que chamaban azulexos. Aínda fascinado polo esplendor do interior da Alhambra, ao seu regreso a Portugal ordenou inmediatamente que as paredes do seu palacio en Évora fosen enfeitadas do mesmo xeito.

Azul é un xogo de mesa abstracto, con pezas elaboradas artisticamente e cunha innovadora mecánica de xogo. Ata catro xogadores/as tornan en artistas especializados/as no deseño de azulexos e disputan por converterse no/a primeiro/a en exhibir a súa obra nas paredes do Palacio Real de Évora. O obxectivo de cada participante é completar o mosaico do seu taboleiro individual antes de que o fagan os/as rivais, e gañar así o favor do rei Manuel I.

En datas próximas, porase en marcha no Ánxel Fole un campionato de Azul, que se desenvolverá na biblioteca escolar durante os períodos de lecer. Para iso, alumnado voluntario realizou un vídeo titorial explicando o procedemento de xogo e convidando a rapazada a participar, ao tempo que nos recreos se están a celebrar na biblioteca obradoiros para as persoas interesadas en aprender.

Sorte aos/ás artistas! O voso premio espera!


Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Comentarios