Excursión ás Illas Cíes e á ría de Arousa

Os días 6 e 7 de xuño, alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC participou nunha excursión ás Rías Baixas. A primeira xornada, a rapazada embarcou rumbo ás Cíes, que foron declaradas parque natural en 1980 e, dende 2002, forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Alí, o grupo do Ánxel Fole puido percorrer a ruta do Faro, familiarizándose coa biodiversidade e a riqueza paisaxística do arquipélago (cantís, dunas, flora de costa, endemismos, colonias de aves mariñas, etc.), mais tamén houbo tempo para os xogos colectivos e, como non, para o descanso na praia.



O segundo día, o alumnado desprazouse á Illa de Arousa e, dende esta, emprendeu unha travesía en kayak ata o illote do Guidoiro Areoso, que, constituído case completamente por area e rodeado de arrecifes, atesoura un importante patrimonio arqueolóxico, con varias mámoas e dolmens megalíticos. A medio camiño entre A Illa de Arousa e O Areoso, o grupo realizou unha parada nunha batea, para coñecer o funcionamento destas estruturas flotantes en que medran os moluscos.

De volta no continente, o bo tempo permitiu aínda gozar da tarde na praia das Sinas (Vilanova de Arousa).


Beatriz García López e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios