II EnRedando co Galego

Remata a segunda edición do ciclo EnRedando co Galego, iniciativa levada a cabo durante os meses de abril e maio e coa que a área de Cultura do Concello de Lugo e mais a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega (AELG) queren promover o uso do galego entre a mocidade, así como a creación literaria e artística a través da lingua.

Alumnado de catro centros de ensino de Lugo (IES Ánxel Fole, Leiras Pulpeiro, Muralla Romana e Ollos Grandes) asistiu o 17 de xuño á gala final, que, celebrada no auditorio Gustavo Freire, foi presentada por Lois Pérez e contou coa actuación musical de Sés, unha das artistas de maior éxito en Galicia na actualidade.


Na gala, os/as estudantes realizaron un intercambio de experiencias, recibiron agasallos pola súa participación e tomaron parte no sorteo de material electrónico e lotes de libros.

O proxecto EnRedando co Galego desenvolveuse durante vinte e un días e os/as alumnos/as puideron elixir entre dúas modalidades distintas: unha inmersión lingüística en galego, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso, ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que escribiron obras literarias en galego que foron enviadas á Escola de Escritores/as da AELG.


Ana Rodríguez Barreiro

Fotos de Cultura e Turismo de Lugo

Comentarios