Charla de Xosé Vizoso

Con fonda emoción, recibimos esta mañá no IES Ánxel Fole a Xosé Vizoso Fernández, autor do mosaico mural Lembrando a Fole (1989), que preside o patio dianteiro do instituto.

Xosé Vizoso, debuxante, cartelista, muralista, recoñecido deseñador de Sargadelos, onde durante anos traballou man a man con Isaac Díaz Pardo, explicou, para o alumnado e o profesorado presentes, o proceso de creación do mosaico que é xa todo un emblema do noso centro.


O artista lembrou que a obra, confeccionada con teselas cerámicas brancas e negras nun estilo plástico que se podería cualificar de cubismo sintético galego, recolle algúns dos compoñentes máis característicos do universo literario de Ánxel Fole: elementos astronómicos, vexetais e animais como o sol, a lúa, as montañas, a vaca ou os lobos. Para acompañar a exposición, Xosé Vizoso puxo a disposición do público os bosquexos orixinais utilizados na confección do mosaico; tivemos a sensación de estar a acariñar un pedaciño da historia da arte do noso país.




Para rematar o acto, o artista mindoniense dedicou á biblioteca do Ánxel Fole un exemplar do libro Homenaxe a Xosé Vizoso. Fillo predilecto de Mondoñedo (Lugo: Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, 2017), e mesmo "tatuou" o brazo dunha alumna que non puido resistirse a pedirllo. Nós fixemos entrega a Xosé Vizoso duns pequenos agasallos que non poderán corresponder a súa xenerosidade, pero que son mostra sincera do noso recoñecemento e o noso afecto.



Sumamente honradas e agradecidas, as persoas participantes no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas poñemos o ramo deste xeito inmellorable ás actividades desenvolvidas durante o curso ao redor da arte urbana lucense.

Seguiremos cada día do lado da beleza. Coa arte e a cultura galegas, sempre.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios