O pracer, a ledicia e a risa das mulleres

A Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas, celebra cada ano, dende 2016, o Día das Escritoras, co obxectivo de  reivindicar o labor e a herdanza literaria das mulleres, tantas veces relegadas a un segundo plano ao longo da historia. A data elixida é sempre o luns máis próximo ao 15 de outubro, cabodano de Tareixa de Xesús. Cada edición conta cunha temática específica e está comisariada por una escritora de recoñecido prestixio. Marta Sanz, comisaria da oitava edición, explica así o lema de 2023, "O pracer, a ledicia e a risa das mulleres":

"Este ano queremos facer do Día das Escritoras unha xornada de dobre celebración. Celebración dunha escritura e dun xeito de percibir a realidade silenciada durante moito tempo, e celebración desa expresión do gozo, a alegría e a risa que a miúdo tamén é un tabú para mulleres educadas na abnegación, o comedimento e o sacrificio".

(A tradución é nosa)

Un curso máis, no IES Ánxel Fole sumámonos á conmemoración do Día das Escritoras. Durante a primeira quincena de outubro, alumnado de 3.º e 4.º ESO seleccionou e gravou textos en galego de poetas e narradoras que trataron o tema do pracer nas súas distintas vertentes: o gozo do amor, a amizade, a festa, a natureza, as viaxes, a aprendizaxe, etc. Algunhas das autoras escollidas foron Lucía Aldao, An Alfaya, Begoña Caamaño, Marica Campo, Yolanda Castaño, Rosalía Fernández Rial, María Lado, María Victoria Moreno, Olga Novo, María Reimóndez, Navia Rivas de Castro ou Rexina Vega, entre outras. Varios dos vídeos coas lecturas do alumnado foron compartidos nas redes sociais do EDLG o 16 de outubro, Día das Escritoras 2023, e as xornadas seguintes.





Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Comentarios