Aquí tamén se fala galego

O IES Ánxel Fole súmase á campaña de dinamización lingüística “Aquí tamén se fala”, que, promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña, se desenvolve xa en máis de 170 centros de todo o país.

Como se indica na web do proxecto, trátase dunha iniciativa que persegue os seguintes obxectivos:

“Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego. Ou de que no mundo da empresa non se usa, nin nos barrios, nin nas vilas... E para acabar con estas mentiras exercemos como técnicos/as de normalización lingüística. A tarefa é doada, e podes axudar: entramos nun local, preguntamos se podemos poñer un cartaz do instituto para fomentar o uso do galego e explicamos que se dará publicidade desde as redes sociais. Por iso é preciso facer unha fotografía do establecemento onde se vexa o cartaz. Mellor aínda se sae algunha persoa aguantando o póster”.

O alumnado do Ánxel Fole comezou o reparto de carteis neste mes de xaneiro, cunha moi boa acollida por parte dos establecementos do barrio da Piringalla, e as fotos realizadas están a ser compartidas nas contas de Facebook e Instagram do EDLG.


Xabier Molinos Campos e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios