Mulleres artistas no Museo Provincial de Lugo

Alumnado de 1.º BAC acudiu o 10 de xaneiro ao Museo Provincial de Lugo para participar no seu Programa Escolar sobre Igualdade de Xénero.

A Rede Museística Provincial de Lugo, en coherencia co principio de que "Os museos que non serven para a vida non serven para nada", proclamado polo Movemento para unha Nova Museoloxía, desenvolve diversas accións educativas encamiñadas a lograr, entre outros, os seguintes obxectivos:

  • Aumentar o coñecemento sobre as mulleres artistas de distintas épocas.
  • Valorar a historia das mulleres como parte esencial da evolución humana.
  • Eliminar os prexuízos sexistas fomentando o pensamento crítico e respectando a diversidade de xénero.
  • Estimular a creatividade para xerar relatos inclusivos dentro do museo.

As persoas guías do Museo Provincial involucraron a rapazada do Ánxel Fole en múltiples dinámicas levadas a cabo en varias das salas expositivas: o alumnado identificou roles de xénero a partir de imaxes e obxectos dados, tentou pescudar a autoría (masculina ou feminina) de cadros coa ficha oculta, reflexionou sobre o contido e a forma dalgunhas obras emblemáticas do museo creadas por mulleres galegas (María do Carme Corredoira, Maruxa Mallo, Xulia Minguillón, Mónica Alonso...) etc.

A actividade tamén permitiu que os/as estudantes se familiarizasen coas instalacións e as coleccións do Museo Provincial, que nalgúns casos visitaban por vez primeira.


Carmen Millares Fernández e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios