Arte urbana dende Lugo para o mundo

Do 12 ao 18 de xaneiro, un grupo de estudantes de Sicilia atópase de intercambio no Ánxel Fole. Posto que o curso pasado, cando alumnado do noso centro viaxou a Catania, presentamos alí a publicación dixital Arte urbana lucense. Fichas de catalogación e agasallamos ao instituto Mario Rapisardi con varios exemplares do catálogo en papel, este ano quixemos amosar aos compañeiros/as italianos/as a arte urbana de Lugo in situ.

Mais, na bimilenaria Lucus Augusti, murais e graffiti, alén do seu inequívoco valor estético, retratan tamén a historia da cidade, as figuras emblemáticas das nosas letras, a paisaxe e a natureza galegas. A visita, conducida en galego e italiano polo guía oficial de turismo Guido Álvarez Parga, resultou, xa que logo, un xeito excelente de aproximar a rapazada siciliana á cultura e á lingua de Galicia.


Nieves María Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios