As Letras de Florencio

O venres 13 de maio celebramos no Ánxel Fole as Letras Galegas, dedicadas en 2022 ao escritor de Córgomo (Vilamartín de Valdeorras) Florencio Delgado Gurriarán. "O poeta que baila" merecía comezar a xornada conmemorativa cunha coreografía, e este ano non podía ser outra que a de "Terra", o éxito incuestionable das Tanxugueiras, que alumnado de 1.º e 3.º ESO fixo seu con entusiasmo.


As actividades trasladáronse a continuación ao horto escolar. Aquí desenvolveuse unha entrevista ficticia a D. Florencio, que visitou o instituto para lembrarnos os episodios máis significativos da súa biografía.

No horto tamén asistimos a un recitado de poemas de Florencio Delgado Gurriarán, así como á plantación dalgúns dos seus versos (escritos en tarxetas de papel ecolóxico con sementes incrustadas) e mais dun castiñeiro, a árbore favorita do poeta.


En palabras do alumnado participante, o acto veu ser un "recoñecemento a Florencio e a todos os escritores e escritoras que cultivaron e conservaron a nosa lingua a través dos séculos. Por mil primaveras máis para Galicia!".


Durante todo o mes de maio, na planta baixa do centro continúan tanto a exposición de Florencio Delgado Gurriarán como a mostra de traballos realizados con motivo das Letras Galegas por alumnado de distintos grupos. Na biblioteca tamén poden consultarse, en lugar destacado, diversas obras de ou sobre o escritor homenaxeado.



Ana Rodríguez Barreiro



Comentarios