Cabalo alado para Fole

Durante o curso 2021-2022, o IES Ánxel Fole está a participar no Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, desenvolvendo un traballo de investigación que ten como eixe vertebrador a arte urbana da cidade de Lugo.

Neste contexto, propúxoselle ao alumnado de Debuxo Artístico o reto de deseñar un mural para unha das entradas do instituto. Dada a proximidade da superficie escollida respecto do emblemático mosaico de Xosé Vizoso Lembrando a Fole, establecéronse dende o inicio dúas condicións para a intervención: por unha banda, a utilización dunha linguaxe gráfica similar á que o artista mindoniense empregou na obra que preside o patio principal do centro (formas planas, simples e xeométricas) e, por outra, a austeridade na cor, co fin de harmonizar o conxunto visual.

A carga narrativa do mural descansa sobre as dúas paredes de maior tamaño, situadas a ambos os dous lados do portón de entrada. Mentres que na parede da esquerda está representada a rapazada, na da dereita o rostro de Ánxel Fole comparte espazo cun cabalo alado que encarna as aspiracións, arelas e inquedanzas do alumnado, nutridas polo sol que, no ángulo superior esquerdo, loce como símbolo do coñecemento.



Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios