Publicacións

Plantando árbores con pinceis

Imaxe
Alumnado de 3.º ESO participou o 24 de xaneiro na iniciativa escolar pola sostibilidade “Plantando árbores con pinceis”. O proxecto intégrase na oferta educativa da Obra Social ABANCA e desenvólvese en cooperación con Doctoy, artista visual especializado no deseño mural gráfico, e Vella Escola, entidade con acreditada experiencia na organización de eventos, talleres e espectáculos de cultura urbana. Unindo cultura e coidado do medio ambiente, a rapazada axudou a realizar, nunha das paredes do ximnasio, un  mural artístico, colaborativo e ecolóxico con pinturas fotocatalíticas anticontaminación, que absorben e depuran os contaminantes que hai no aire, como os óxidos de nitróxeno e outros gases nocivos da industria e o tráfico rodado. Tamén asistiu a un obradoiro de pintado de bolsas de tea, que decorou con motivos naturais. As actividades, en definitiva, serviron para achegar ao alumnado unha mensaxe positiva sobre a protección da natureza, así como para visibilizar alt...

Monicreques unidos

Imaxe
A compañía Mircromina Teatro de Títeres, creada por Ton Arenas no ano 2010 e asentada no barrio artesán dos Muíños de Mondoñedo, visitou o Ánxel Fole o pasado 23 de xaneiro. No salón de actos do centro, alumnado de 1.º ESO asistiu ao espectáculo de monicreques Familia unida , que ofrece unha viaxe a través do repertorio clásico das distintas tradicións europeas de luva, peneiradas polos gustos de hoxe e adaptadas á realidade e á lingua galegas. Protagonizada por Cromina, que acaba de ser pai, a peza convida a reflexionar sobre as relacións familiares, a conciliación e a igualdade. Despois da representación, a rapazada participou nun obradoiro no que coñeceu de primeira man todo o traballo que se esconde tras cada función: construír teatriños, pintar escenografías, modelar bonecos etc. Ademais, con cartón e materiais de refugallo, cada alumno/a puido confeccionar e decorar a súa propia marioneta. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Aquí tamén se fala galego

Imaxe
O IES Ánxel Fole súmase á campaña de dinamización lingüística “Aquí tamén se fala” , que, promovida polo IES Rafael Dieste da Coruña, se desenvolve xa en máis de 170 centros de todo o país. Como se indica na web do proxecto, trátase dunha iniciativa que persegue os seguintes obxectivos: “Queremos rachar cos prexuízos que pretenden dar unha imaxe distorsionada dunha suposta Galiza que non fala galego. Ou de que no mundo da empresa non se usa, nin nos barrios, nin nas vilas... E para acabar con estas mentiras exercemos como técnicos/as de normalización lingüística. A tarefa é doada, e podes axudar: entramos nun local, preguntamos se podemos poñer un cartaz do instituto para fomentar o uso do galego e explicamos que se dará publicidade desde as redes sociais. Por iso é preciso facer unha fotografía do establecemento onde se vexa o cartaz. Mellor aínda se sae algunha persoa aguantando o póster”. O alumnado do Ánxel Fole comezou a repartición de carteis neste mes de xaneiro, cunha moi boa a...

Un paseo polas nubes

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO PDC visitou, o día 23 de xaneiro, o Museo Diocesano Catedralicio de Lugo (MDCL), que, con cen anos de existencia, é o museo máis antigo de Galicia. O MDCL alberga unha valiosa colección composta por máis de tres mil pezas de moi diverso tipo: restos arqueolóxicos, escultura devocional, pintura sacra e profana, ourivaría litúrxica etc. A rapazada, guiada en galego polo persoal de sala, detívose fundamentalmente ante dous elementos patrimoniais singulares: o Crismón de Quiroga e a Cancela das Saamasas. Posto que as seccións principais do museo se sitúan  no triforio da catedral, o grupo puido gozar tamén coa visión única que, da nave e a capela maior, se obtén dende esta galería elevada. A continuación, o alumnado seguiu ascendendo (agora a través dunha estreita escaleira de caracol), ata acadar as cubertas da catedral, onde participou na visita especial denominada "Un paseo polas nubes". A espléndida panorámica da cidade que se contempla dende o balcón qu...

Arte urbana dende Lugo para o mundo

Imaxe
Do 12 ao 18 de xaneiro, un grupo de estudantes de Sicilia atópase de intercambio no Ánxel Fole. Posto que o curso pasado, cando alumnado do noso centro viaxou a Catania, presentamos alí a publicación dixital  Arte urbana lucense. Fichas de catalogación  e agasallamos ao instituto Mario Rapisardi con varios exemplares do catálogo en papel , este ano quixemos amosar aos compañeiros/as italianos/as a arte urbana de Lugo in situ . Mais, na bimilenaria Lucus Augusti, murais e graffiti, alén do seu inequívoco valor estético, retratan tamén a historia da cidade, as figuras emblemáticas das nosas letras, a paisaxe e a natureza galegas. A visita, conducida en galego e italiano polo guía oficial de turismo Guido Álvarez Parga, resultou, xa que logo, un xeito excelente de aproximar a rapazada siciliana á cultura e á lingua de Galicia. Nieves María Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Mulleres artistas no Museo Provincial de Lugo

Imaxe
Alumnado de 1.º BAC acudiu o 10 de xaneiro ao Museo Provincial de Lugo para participar no seu Programa Escolar sobre Igualdade de Xénero. A Rede Museística Provincial de Lugo, en coherencia co principio de que "Os museos que non serven para a vida non serven para nada", proclamado polo Movemento para unha Nova Museoloxía, desenvolve diversas accións educativas encamiñadas a lograr, entre outros, os seguintes obxectivos: Aumentar o coñecemento sobre as mulleres artistas de distintas épocas. Valorar a historia das mulleres como parte esencial da evolución humana. Eliminar os prexuízos sexistas fomentando o pensamento crítico e respectando a diversidade de xénero. Estimular a creatividade para xerar relatos inclusivos dentro do museo. As persoas guías do Museo Provincial involucraron a rapazada do Ánxel Fole en múltiples dinámicas levadas a cabo en varias das salas expositivas: o alumnado identificou roles de xénero a partir de imaxes e obxectos dados, tentou pescudar a autoría ...

Postais para unha árbore de Nadal

Imaxe
Alumnas e alumnos de 1.º, 2.º e 3.º ESO decidiron acabar o ano escribíndose a si mesmos unha pequena postal, na que quixeron agradecerse por algo ben feito neste 2023, así como expresar un desexo de cara ao 2024. Coas tarxetas, a rapazada construíu a súa propia árbore de Nadal grupal, nun intento de reflectir que a amizade torna máis fortes as persoas e, no ámbito escolar, redunda nun curso mellor. Ana Rodríguez Barreiro e Vanessa Yebra Verdes

Encontro con Sica Romero

Imaxe
O 18 de decembro visitou o Ánxel Fole a escritora Sica Romero (Carnota, 1995). Comezou a xornada reuníndose co profesorado do club de lectura, co que conversou animadamente sobre a súa primeira novela,  Avelaíñas eléctricas , que, merecedora do  Premio San Clemente 2023, verte acertadamente temas e motivos universais (o amor e o desamor, a vida e a morte, as seguridades e as incertezas...) en moldes formais innovadores (límites difusos entre xéneros literarios, ruptura con certas convencións gráficas, reprodución da oralidade e dos trazos dialectais da Costa da Morte...). A continuación, a autora impartiu un obradoiro de creación literaria para alumnado de 4.º ESO. A actividade constou dunha primeira parte máis expositiva, na que Sica convidou o grupo a reflexionar sobre o oficio de escribir, e doutra segunda eminentemente práctica, na que a rapazada elaborou un cadáver exquisito . Esta composición, de orixe vangardista, está formada polas achegas de diferentes persoas que, po...

Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO acudiu o día 4 de decembro ao Pazo de San Marcos para participar no relatorio “Mulleres, ciencia e tecnoloxía: unha historia interminable”. Organizada por Igaciencia co gallo do Día da Ciencia en Galego, a conferencia foi impartida por María M. Álvarez Lires, doutora en Química, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais e premio UVIGUALA da Universidade de Vigo en 2017. A relación entre mulleres, ciencia e tecnoloxía non sempre estivo marcada pola desigualdade, como se evidencia ao facer un percorrido, mesmo superficial, pola historia das distintas disciplinas antes de que fosen consideradas oficialmente como tales. Ata 1910, as mulleres non puideron acceder aos estudos universitarios en España, mais, actualmente, son maioría nas titulacións científicas e tecnolóxicas. As desigualdades persisten, no entanto, noutros eidos e, moi especialmente, nos postos de responsabilidade e na dirección de empresas. É preciso contar co talento das muller...

Crónicas da fala

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO asistiu o 30 de novembro ao espectáculo teatral Crónicas da fala , da compañía Vicus Teatro, quen, despois de viaxar nas súas obras polos Séculos de Ouro e a Grecia clásica, está a desenvolver en 2023 un novo proxecto didáctico centrado na realidade galega e, máis concretamente, nas Irmandades da Fala. Procurando a interacción co público e sen renunciar a certos trazos humorísticos, a peza dramatiza a historia das Irmandades da Fala: as súas orixes, da man de  Aurelio Ribalta e Antón Villar Ponte;  a constitución das diversas agrupacións locais e da sección feminina; a celebración das asembleas nacionalistas, a primeira das cales tivo lugar en Lugo en 1918 etc. Por riba de todo, a obra destaca o decisivo papel das Irmandades tanto nas reivindicacións políticas como na promoción da cultura e a lingua galegas durante as primeiras décadas do s. XX. Ana Rodríguez Barreiro

Romper a arañeira

Imaxe
Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, alumnado de 4.º ESO levou a cabo, o venres 24 de novembro, un espectáculo que, inspirado na obra da artista estadounidense con síndrome de Down Judith Scott (1943-2005), combinou a palabra coa música, o teatro e as artes plásticas. Durante a performance , mentres unha alumna lía frases alusivas ás distintas formas de violencia contra as mulleres, outras cinco, co rostro oculto tras unha máscara, foron envolvendo a dúas compañeiras con cintas de trapiño, simulando o proceso mediante o cal unha araña confecciona a tea para cazar as súas presas. Atrapadas e inmobilizadas, as rapazas recibiron a axuda dunha persoa do público, que comezou a cortar algunhas das fitas, e finalmente lograron soltar as ataduras por si mesmas. O simbolismo da intervención resulta evidente: as violencias machistas rouban a liberdade e a vida das mulleres, mais, co compromiso da sociedade no seu conxunto, é posible romper a arañe...

Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero

Imaxe
O  alumnado dos distintos grupos de 1.º e 2.º ESO do Ánxel Fole está a participar no  Programa Socioeducativo de Prevención da Violencia de Xénero, organizado polo Servizo de Igualdade da Área de Cohesión Social do Conce llo de  Lugo. Este programa pretende proporcionar á rapazada ferramentas para acadar cambios actitudinais e de comportamento que favorezan  as relacións en igualdade e, en consecuencia, a progresiva eliminación do sexismo e das violencias machistas. Desenvólvese entre os meses de novembro e febreiro do presente curso e consta dun obradoiro de tres sesións, nas que se aplica unha metodoloxía de traballo baseada na reflexión e na participación activa do alumnado. Jesús Otero Pereiras, Ana Rodríguez Barreiro e  M.ª Consuelo Santiso Pena

Leo, les, le

Imaxe
Xa están en marcha os clubs de lectura do Ánxel Fole para o curso 2023-24 e, coma en anos anteriores, neles contan cun protagonismo especial as obras escritas en galego. O día 9 de novembro celebrouse a primeira xuntanza do club do profesorado, nesta ocasión para conversar ao redor da novela As gratitudes , da  escritora, guionista e directora francesa   Delphine de Vigan (1966). A obra, cuxa versión galega publica o selo Hugin e Munin, é presentada así pola propia editorial: " A saúde de Michka, unha muller independente e culta, reséntese, polo que xa non pode vivir soa e ingresa nunha residencia da terceira idade. A afasia que padece fai que confunda as palabras e se perda seguido nas conversas; amais, as súas noites énchense de pesadelos nos que recibe reproches pola súa repentina vulnerabilidade. Tanto Marie, a súa veciña, coma Jérôme, o logopedista que a asiste, poñen o seu gran de area para que a anciá deixe de sufrir polo que considera unha débeda moral relacionada cun ...