Publicacións

Libros que dinamizan

Imaxe
Na biblioteca escolar do Ánxel Fole, aberta a toda a comunidade educativa, mantemos o noso recuncho de normalización e dinamización lingüísticas, ao que chegan novidades ao longo de todo o curso. A última incorporación bibliográfica é o libro A lingua en futuro: a mocidade imaxina o 2050 , coordinado por Fernando Ramallo. Ti tamén queres formar parte do futuro do idioma? Pois adiante co galego! Se che interesa a reflexión sobre lingua e sociedade, non deixes de preguntar na túa biblioteca por esta e outras obras. Ana Rodríguez Barreiro

Curtas no Fole

Imaxe
O alumnado de Proxecto Competencial de 3.º ESO elaborou ao longo do curso curtametraxes de animación en galego, seguindo as distintas fases que require o proceso: redacción do guión, composición do bosquexo ilustrado ou storyboard , deseño de personaxes e escenarios, montaxe, selección da música e os efectos de son, etc. Paralelamente, na materia de Educación Dixital, a rapazada creou, mediante a ferramenta de programación  Scratch, un xogo para contextualizar a temática de boa parte das curtas: a distopía. O día 20 de xuño, como peche do proxecto, o alumnado participante presentouno nas distintas aulas do centro, onde explicou o concepto de distopía , exhibiu a curta titulada "Realidade" e animou os compañeiros/as a probar o seu xogo. Nieves Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Historia e natureza na comarca do Eume

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO desprazouse o 19 de xuño ata a comarca do Eume, onde comezou a xornada visitando o castelo medieval de Andrade (O Castelo, Nogueirosa, Pontedeume), fortaleza do s. XIV levantada  sobre un pequeno promontorio rochoso ( Pena Leboreira)  e vinculada dende as súas orixes á poderosa familia dos Andrade. A continuación, a rapazada adentrouse no Parque Natural das Fragas do Eume para realizar unha andaina a través dunha das rutas sinalizadas, que lle permitiu gozar, malia a intensa chuvia dalgúns momentos, do bosque atlántico costeiro mellor conservado de Europa. O percorrido finalizou no mosteiro de S. Xoán de Caaveiro (O Coto, A Capela, A Capela), fundado por S. Rosendo no s. X e formado por diferentes edificacións construídas ao longo dos anos, entre as que destaca a notable arquitectura da ábsida románica da igrexa monacal. José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

Visita ao Museo de Historia Natural

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO acudiu o 16 de xuño ao Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago de Compostela, centro con fortes potencialidades educativas e sociais, xa que, ademais de desenvolver labores de investigación e educación formal, centra a súa actividade na divulgación científica e oferta visitas para grupos de escolares. O alumnado do Ánxel Fole fixo un interesante percorrido polas salas expositivas do museo, onde puido contemplar numerosos exemplares de animais (conservados mediante taxidermia), fungos, algas, plantas, rochas e minerais, con especial atención aos máis abundantes nos ecosistemas característicos de Galicia, como o da fraga ou o intermareal. Sandra Gómez Pérez,  Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santiso Carral

Proxecto Mural

Imaxe
Nas últimas semanas de curso, o alumnado de 3.º ESO participou nun Proxecto Mural desenvolvido na materia de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e vencellado coa investigación sobre arte urbana levada a cabo no seo do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas. O alumnado partiu do suposto de que a organización do Urban Cores, un dos festivais de arte urbana da cidade de Lugo, o convidaba a intervir na edición deste ano e lle cedía unha parede medianeira do seu barrio para a realización dun mural xeométrico. Tomando como referente a obra dalgúns destacados artistas urbanos, a rapazada creou composicións abstractas ou empregou a síntese xeométrica para representar realidades recoñecibles, coa única condición de que nos traballos aparecesen, con maior ou menor protagonismo, determinados elementos fixos: triángulos, cuadriláteros, liñas paralelas e/ou perpendiculares, rectas tanxentes a circunferencias e circunferencias tanxentes entre si. O proxecto, que combinou os exercicios individuais e...

Exposición do Culturbán 2022

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO visitou o día 7 de xuño, no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL), a exposición que recolle os traballos da terceira edición do festival de arte na rúa Culturbán, organizado por Espacio Lupa Arte e mais a Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo. A xeito de contextualización previa, a rapazada comezou vendo unha presentación sobre a historia da arte urbana dende as súas orixes ata a actualidade, así como un pequeno documental acerca dos combates de pintura mural celebrados en Lugo. A continuación, o alumnado adentrouse na mostra propiamente dita, que, comisariada por Iago Eireos, reúne, por un lado, imaxes das intervencións de gran formato que decoran algunhas das rúas da cidade e, por outro, as dez obras participantes no combate mural que tivo lugar o pasado mes de decembro na rúa Quiroga Ballesteros. Dado que estas pezas debían centrarse na temática LGTBI, o persoal do museo propuxo que os/as estudantes, por parellas ou en pequenos...

Galego alén da morte

Imaxe
Morrer e ser lembrado/a en galego segue a resultar absolutamente excepcional no país. Así o puido comprobar un grupo de alumnado de 4.º ESO que, os días 23 de maio e 5 de xuño, visitou tres dos cemiterios parroquiais da periferia da cidade de Lugo, concretamente os de San Lázaro da Ponte, Santiago das Saamasas e San Lourenzo de Albeiros. Servíndose dunha ficha para a recollida de datos, o alumnado procedeu á inspección dos panteóns e sepulturas individuais dos citados camposantos, na procura de inscricións (de propiedade ou de defunción) redactadas en lingua galega. Os resultados xerais, exemplificativos da castelanización masiva do ámbito funerario en Galicia, foron os seguintes: No cemiterio da Ponte só se localizou unha posible placa en galego, nun total de 246 panteóns revisados; trátase, ademais, dun caso ambiguo, pois o idioma empregado podería ser considerado tanto galego escrito segundo a norma reintegrada como portugués. Nas Saamasas, con 88 familias representadas, tamén se at...

Visita ao Espazo Memoria Viva

Imaxe
Un grupo de alumnado de 4.º ESO participou o día 23 de maio nunha visita guiada ao Espazo Memoria Viva, recentemente habilitado no Cemiterio Municipal de San Froilán (Lugo) para albergar a exposición permanente "As necrópoles lucenses: do Cemiterio Xeral de Magoi ao Cemiterio Municipal de San Froilán". A mostra, situada a ambos os dous lados da capela do camposanto e integrada por diversos paneis e recursos didácticos, repasa a evolución dos enterramentos e rituais funerarios en Lugo ao longo de dous mil anos. Na sala da esquerda, aténdese á relación da poboación coa morte durante os períodos romano, medieval e moderno, ata a construción, a mediados do s. XIX, do Cemiterio Xeral de Magoi en terreos próximos á actual avenida de Ramón Ferreiro. A sala da dereita, pola súa banda, resérvase para a presentación do Cemiterio Municipal de San Froilán (1948): a súa historia, os seus espazos físicos e emocionais, a súa incorporación á vida social e cultural da cidade, os premios e men...

As Letras de D. Paco

Imaxe
Francisco Fernández del Riego  (Vilanova de Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010), a quen dedicamos o  Día das Letras Galegas do ano 2023,  foi un dos fundadores,  en 1950, da editorial Galaxia. A xeito de homenaxe á figura de D. Paco e, moi  especialmente, ao seu labor como editor, o alumnado de 4.º ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual deseñou cubertas para algunhas das obras  publicadas por Galaxia dende as súas orixes ata a actualidade. Os traballos, realizados  con ferramentas dixitais como Canva, Genially e Microsoft Designer, entre outras, permitiron ao alumnado coñecer ou afondar nalgúns dos títulos máis representativos da nosa literatura, así como potenciar a súa creatividade artística e as súas habilidades no manexo das novas tecnoloxías. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Actualización do catálogo de arte urbana lucense

Imaxe
Ao abeiro do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, e como parte da investigación que vimos desenvolvendo nos dous últimos cursos sobre a arte urbana da cidade de Lugo, ve agora a luz unha versión actualizada da publicación dixital Arte urbana lucense. Fichas de catalogación , dispoñible na plataforma Calameo. Esta nova edición, revisada e aumentada, inclúe vinte e unha obras máis, que nas vindeiras semanas serán trasladadas tamén á aplicación móbil da que xa falamos aquí . Os murais e graffiti incorporados, na súa maioría creados con posterioridade a xaneiro de 2022 (data da primeira versión do noso catálogo), son, por orde alfabética de títulos, os seguintes: Atila en Galicia , de Primo de Banksy; Burbulla con peixe , de Mosca; Busto de muller con aros , de Concepto Circo; Busto de muller con pelo azul , de Zësar Bahamonte; Cabalo alado para Fole , de alumnado do IES Ánxel Fole dirixido por Alicia Puchades Tella-Villamarín; Coco , de Trece Trazos; Darémolo comido no San Fr...

Visita á Feira do Libro de Lugo

Imaxe
Alumnado dos clubs de lectura do Ánxel Fole acudiu o 19 de maio á Feira do Libro de Lugo, que se desenvolve na praza Maior. Alí visitou os postos de venda das distintas librarías, cubriu unha desiderata (co título "Libros que quero ler") para suxerir á biblioteca escolar a adquisición de determinadas obras e participou na actividade musical  de Jacobo de Lope  "A historia do rock 'n' roll en 45 minutos: de Elvis a Nirvana". Mónica Campo Vázquez, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Sesión musical con La Duendeneta

Imaxe
O 16 de maio, véspera das Letras Galegas, o patio do Ánxel Fole encheuse de música galega grazas á cabina móbil de La Duendeneta, dotada dunha elegante mesa Pro-DJ e a última tecnoloxía en luces e son. Todos os grupos do centro participaron nesta sesión musical na que se escoitaron temas de grupos e solistas como Baiuca, De Vacas, Fillas de Cassandra, Flow do Toxo, Fuxan os Ventos,  Lamatumbá,  Lois Romero & Aliboria,  Ortiga, Pili Pampín ou Tanxugueiras, entre outros, así como pezas tradicionais amplamente coñecidas ("A Carolina", "A rianxeira", "O verdegaio", etc.) e versións galegas de grandes éxitos de verbena. Durante dúas horas e nun ambiente desenfadado e divertido, o alumnado cantou, bailou e ata fixo peticións que foron gustosamente atendidas por La Duendeneta. Como dixo o DJ Carlos Crespo na despedida, "Vivan as Letras Galegas e vivan as nosas músicas!". Paula Fernández Fulgencio, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Correndo pola lingua con Mekánika Rolling Band

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO do Ánxel Fole participou o 11 de maio nos actos do Correlingua 2023. A rapazada dos distintos centros de ensino que acudiron á cita congregouse ás once da mañá na praza de Santa María de Lugo e, dende alí, dirixiuse cara á muralla para dar unha volta polo adarve. Finalizada a camiñada e xa de regreso na praza, o alumnado do Ánxel Fole foi o encargado de ler o manifesto deste ano, en cuxa redacción tomaron parte compañeiros/as de 1.º ESO a través do obradoiro "Desata a lingua", do que xa informamos  aquí . Puxo o ramo á festa a actuación de Mekánika Rolling Band, grupo gañador da última edición do certame Cantalingua, ao que presentaron o seu tema “Maruxaina”. A Mekánika Rolling Band, que conta cunha traxectoria de quince anos xirando por toda a península ibérica e outros lugares de Europa, deleitou o público infantil cun espectáculo enérxico, participativo e dinámico. Patricia Fernández López, Antía López Castro e Ana Rodríguez Barreiro

Charla de Noemí Núñez e Pía Piadosa

Imaxe
No marco do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, no cal o IES Ánxel Fole vén participando os dous últimos cursos cunha investigación sobre a arte urbana da cidade de Lugo, as artistas Noemí Núñez e Pía Piadosa (alcume de  Natalia Conde)  visitaron o noso instituto os días 17 de abril e 9 de maio para impartir dúas charlas a alumnado de 3.º ESO. As relatoras comezaron lembrando a súa formación e os seus inicios en común, e pasaron a centrarse seguidamente no proceso de creación dunha obra mural colaborativa. As explicacións, apoiadas en abundante material gráfico, permitiron ás persoas asistentes coñecer de primeira man que é o que sucede entre o intre en que as artistas reciben o encargo de levar a cabo unha intervención e o momento en que a cidadanía pode gozar dela na rúa (chuvia de ideas, deseño de bosquexos, elaboración dunha cuadrícula para trasladar o debuxo á parede, repartición do traballo, fusión dos estilos individuais, adaptación aos tempos e aos espazos, etc.)....

Encontro con Andrea Maceiras

Imaxe
Alumnado de 2.º e 3.º ESO participou o día 4 de maio nun encontro coa escritora Andrea Maceiras (A Coruña, 1987), autora dunha ducia de obras de literatura infanto-xuvenil,  moitas delas recoñecidas con premios autonómicos e estatais. Andrea Maceiras lembrou as súas orixes no mundo da literatura, reflexionou sobre o proceso de creación literaria e fixo un repaso por algúns dos seus títulos máis emblemáticos ( Violeta tamurana , Nubes de evolución , Miña querida Sherezade , Conta nove estrelas , A folla azul , Alma de elefante ou Que me pare o corazón se te esquezo ). O diálogo co alumnado levou a que a novelista afondase especialmente en dous libros: Europa Express , que aborda temas como a  liberdade das viaxes, a identidade ou a procura do amor, e O que sei do silencio , centrado na problemática do acoso escolar. Mónica Campo Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Cinema con Perspectiva

Imaxe
Alumnado de 1.º ESO participou o día 3 de maio no programa educativo da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa Cinema con Perspectiva, cuxo obxectivo é formar na identificación e tratamento dos estereotipos sexistas habituais na narrativa do cine e noutras formas de expresión audiovisual como principio coeducativo. A actividade que se desenvolveu no IES Ánxel Fole consistiu na proxección de varias curtametraxes con temática en igualdade de xénero: o papel da muller na sociedade, a violencia machista, as prohibicións impostas ás mulleres en certos países,  a pobreza menstrual e os clixés ao redor da menstruación, a sororidade e a diversidade, etc. Tras o visionado das pezas, tivo lugar un coloquio que, moderado por dúas persoas expertas, tentou estimular a capacidade reflexiva e analítica do alumnado sobre os valores e as mensaxes ocultas en materia de igualdade presentes nos filmes. Paula Fernández Fulgencio, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

III EnRedando co Galego

Imaxe
Un ano máis, o IES Ánxel Fole participa, xunto con outros centros de ensino da cidade  (IES Leiras Pulpeiro, IES Lucus Augusti, IES Muralla Romana, IES Nosa Señora dos Ollos Grandes, IES Sanxillao e IES Xoán Montes), na  iniciativa EnRedando co Galego, organizada pola  Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e mais pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O 25 de abril tivo lugar na biblioteca do instituto a presentación da actividade, que  busca fomentar entre a poboación escolar tanto o uso do galego como  a creación literaria e artística a través da lingua. No acto  interviñeron o escritor Lois Pérez, o representante do Concello Anxo Lamelo e o Dúo Vaguedades, quen fixo as delicias do público cunha dramatización na que deu vida a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, mesturando  reflexión sociolingüística e humor a partes iguais. Durante as próximas semanas, o alumnado participante no programa comp...