Publicacións

As Neves

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC acudiu o 23 de maio a Codex Cinema para ver a película As Neves , que, dirixida e escrita por Sonia Méndez, foi rodada en galego na Fonsagrada, A Pontenova e Santiago de Compostela. Segundo se le na web de Cósmica Producións , a sinopse do filme, a medio camiño entre o drama adolescente e o thriller rural, é a seguinte: "As Neves é unha remota poboación de montaña onde todo o mundo se coñece. A noite de entroido os adolescentes da vila celebran unha festa e dróganse con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte espertan coa nova de que Paula, unha das mozas que estaba na festa, desapareceu. Mentres, un temporal de neve chega á localidade e vainos deixando incomunicados e sen internet. A investigación da desaparición de Paula causará un cambio profundo na súa relación co mundo". Tamén asistiu á proxección Jennifer Soto Romarís, exalumna do IES Ánxel Fole e unha das actrices debutantes que conforman o elenco. Jennifer presentou a cinta á rapa...

Con Díaz Castro en Guitiriz

Imaxe
Un ano máis, o alumnado do IES Ánxel Fole, neste caso de 3.º ESO, participou o pasado 21 de maio nos roteiros "Un neno de aldea" e "A fábrica de poetas", desenvolvidos en Guitiriz. As rutas, que xa describimos aquí  no seu día, discorren polos espazos vitais e literarios de Xosé María Díaz Castro e son  guiadas polo alumnado do instituto chairego que leva o nome do poeta. Mónica Campo Vázquez,  Nerea López Montero e  Ana Rodríguez Barreiro

As Letras de Luísa Villalta

Imaxe
As pasadas semanas, o alumnado do Ánxel Fole estivo a profundar na figura e na obra de Luísa Villalta (A  Coruña, 1957-2004),  escritora, filóloga e violinista á que se dedica o Día das Letras Galegas de 2024. Entre outras actividades didácticas e lúdicas (visionado dos capítulos da serie documental  Luísa Villalta. A rebelión da palabra , visita á exposición  "Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta" , realización de xogos interactivos etc.), a rapazada  de distintos grupos e niveis seleccionou  e gravou textos, fundamentalmente poéticos, da autora homenaxeada. Algúns dos vídeos serán compartidos nas redes sociais ( Facebook e Instagram ) na semana das Letras, co fin de contribuír a espallar a voz de Luísa Villalta entre a comunidade educativa e a cidadanía en xeral. Ana Rodríguez Barreiro

Dende aquí até acolá, galego xa!

Imaxe
O alumnado de 1.º ESO participou o día 8 de maio no Correlingua, festa de reivindicación da lingua galega celebrada neste 2024 baixo o lema "Dende aquí até acolá, galego xa!". A rapazada de distintos centros da provincia reuniuse ás 11:00 h na praza de Santa María e, pouco despois, partiu cara á praza de Pío XII para subir á muralla e dar unha volta completa polo adarve, que se encheu de pancartas e mensaxes a prol do uso do galego en todos os ámbitos, especialmente entre as xeracións máis novas. De regreso na praza de Santa María, leuse o manifesto e deu comezo o concerto do grupo melidao  Cuarta Xusta, de cuxa autoría son os discos  Un novo espertar , co cal xiraron por gran cantidade de salas e festivais do país, e Libre amencer , que están a presentar na actualidade. Ana Rodríguez Barreiro

Visita ao obradoiro de gaitas Lis

Imaxe
Os pasados días 29 e 30 de abril e mais 6 e 7 de maio, alumnado de 2.º ESO visitou, por quendas, o obradoiro de gaitas Lis, que, situado na rúa Aceroleiro de Lugo, comparte barrio (o da Piringalla) co IES Ánxel Fole. Alí, a rapazada foi recibida polo propio responsable do taller, Lis Latas, quen, cunha vida dedicada á  cultura musical galega,  é artesán, instrumentista, vocalista, bailador e profesor de danza tradicional. Da man de Lis, o alumnado puido coñecer a historia do obradoiro, as diversas zonas que conforman as instalacións (sala de tornos, sala de furado, sala de fresado, sala de gravado e impresión 3D e mais sala de probas e estudo de gravación), algunhas das ferramentas e utensilios máis empregados (trades, brocas, gubias, lixas etc.) e o proceso de construción e reparación de gaitas e outros instrumentos de vento (dende a obtención da madeira ata o control de calidade, pasando polo modelado ou o vestido). A rapazada implicouse activamente e gozou coas ex...

Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta

Imaxe
Dende hoxe pode verse no taboleiro da lingua do IES Ánxel Fole a mostra "Viaxe polo metaverso con Luísa Villalta", deseñada no CIFP A Carballeira - Marcos Valcárcel de Ourense e distribuída pola Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL), co fin de divulgar a figura e o legado de Luísa Villalta. A  exposición, que destaca polo seu carácter innovador, amosa a protagonista das Letras Galegas deste 2024 como un avatar que convida a percorrer a súa traxectoria persoal e profesional a través do metaverso, espazo virtual onde descubrir imaxes, recursos e actividades interactivas. Ana Rodríguez Barreiro

Matemáticas na Raia

Imaxe
Alumnado de 3.º ESO do Ánxel Fole está a participar no concurso de resolución de problemas por equipos Matemáticas na Raia . O campionato d esenvólvese en Galicia e no norte de Portugal, organizado conxuntamente pola Asociación Galega do Profesorado de Educación Matemática (AGAPEMA) e a Asociación de Profesores de Matemáticas de Portugal (APM). A fase rexional, celebrada o mesmo día, á mesma hora e cos mesmos enunciados nos dous países, tivo lugar o pasado 11 de abril e consistiu en solucionar, nun tempo máximo de noventa minutos, cinco problemas. O grupo gañador de cada país, aínda por coñecer, obterá como premio unha estancia de fin de semana (25-26 de maio) en Esposende, onde o alumnado galego e o portugués confraternizarán por medio de actividades lúdicas, visitas turísticas e competicións amigables. Carmen Fernández Anllo e  Ana Rodríguez Barreiro

O experimento da fenda dobre de Young e o estraño caso do Dr. Jekyll e o Sr. Hyde

Imaxe
No marco do programa A Ponte da Universidade de Santiago de Compostela, alumnado de 2.º BAC dos institutos Ánxel Fole e Muralla Romana asistiu o pasado 4 de abril á charla  “O experimento da fenda dobre de Young e o estraño caso do Dr. Jekyll e o Sr. Hyde”, impartida polo docente da Facultade de Física Carlos Montero Orille.  Empregando como referencia o experimento da fenda dobre de Young, o profesor Montero Orille expuxo as teorías modernas sobre a natureza da luz, as cales, ao longo dos últimos séculos, foron alternando entre a hipótese corpuscular e a hipótese ondulatoria, do mesmo xeito que o personaxe de Stevenson adoptaba sucesivamente as personalidades do Dr. Jekyll e do Sr. Hyde. O relator tamén lembrou a importancia deste experimento para confirmar o carácter ondulatorio‐corpuscular da materia, isto é, a denominada  dualidade onda‐partícula , concepto que, malia a súa innegable utilidade didáctica, resulta difícil de integrar nun modelo completo que de...

As sete que eu son

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO da materia Expresión Artística visitou o día 3 de abril, no Museo Provincial de Lugo, as exposicións temporais "As 7 e 7. Hora de falar" e "Eu son. Memoria das rapadas". "As 7 e 7. Hora de falar", comisariada por Sergio Marey, quere visibilizar as sete artistas con presenza na colección permanente do museo (María Corredoira,  María Luísa Pérez Herrero,  Maruxa Mallo, Xulia Minguillón,  María del Carmen Álvarez de Sotomayor , Violeta Bernardo e  Mónica Alonso ) a través de sete traballos de creadoras galegas emerxentes ( as irmás Lara e Noa Castro, Christina Chiarroni, Noa Costas, Greta Debelius, Sabela Eiriz, Andrea Otero e Carmen Quintáns). As obras destas mulleres que están a dar os primeiros pasos no mundo da arte dialogan coas pezas das autoras consagradas en que se inspiran, como xeito de poñer en valor a creación feminina galega ao longo dos séculos XX e XXI. "Eu son. Memoria das rapadas", ...

Julia

Imaxe
No marco das actividades conmemorativas do Día Internacional da Muller (8 de marzo), alumnado de 3.º ESO, 4.º ESO e 2.º BAC asistiu á proxección no centro da película documental Julia (2022), rodada en Galicia e en galego baixo a dirección do vilalbés Jacobo Lagüela Castro, quen tivo a amabilidade de enviarnos un vídeo a xeito de presentación. A protagonista do filme é  Julia Barrio Díaz, unha avoa (a do director) de 87 anos que, dende a Galicia das aldeas cada vez máis despoboadas, loita por salvagardar as súas raíces e reivindica un futuro digno para o rural, aínda sendo plenamente consciente de que o estilo de vida que ela representa está abocado á extinción. A cinta, que foi candidata ao s Premios Mestre Mateo e aos Premios Goya (en oito e seis categorías, respectivamente), cumpre, entre outros, os seguintes obxectivos: visibilizar o papel da muller na Galicia agraria e crear referentes femininos para as mulleres campesiñas; universalizar a figura da avoa galega, ao ...

Rosalía no barrio

Imaxe
Co gallo do Día de Rosalía de Castro 2024, alumnado de distintos grupos da ESO asistiu o 23 de febreiro á presentación da revista  Rosalía no barrio , editada por Solaina e coordinada por Sergio Marey. A publicación, que busca achegar a obra de Rosalía de Castro e de poetas contemporáneos/as aos barrios da Milagrosa e da Piringalla de Lugo, onde se distribúe entre a veciñanza, centros de ensino e establecementos comerciais, ofrece unha escolma de textos líricos escritos por distintos/as autores/as galegos/as a partir de versos de Rosalía. Durante o evento, celebrado no salón de actos do Ánxel Fole e conducido polo propio Sergio Marey, a rapazada recitou e comentou poemas, compuxo un cadáver exquisito inspirado no verso rosaliano "Teño un niño de tolos pensamentos" e creou un caligrama en que as verbas colectivas debuxaron o rostro da nosa escritora nacional. Paula Fernández Fulgencio e Ana Rodríguez Barreiro

Boa sorte, mala fama

Imaxe
Alumnado de 1.º BAC asistiu o día 5 de febreiro, no auditorio Gustavo Freire, á representación da obra Boa sorte, mala fama , da compañía Tarabela Creativa, asentada en Lugo e fundada por Diego Gallego e Carmen Conde. A peza, unha t raxicomedia en tres actos que combina narración oral, música ao vivo e interpretación actoral, fai un percorrido a través de diferentes épocas e persoas para contar a historia máis incómoda e menos institucional da emigración galega. A escrita e a posta en escena parten dun proceso de investigación e documentación previo, durante o cal Tarabela Creativa visitou hemerotecas, arquivos, museos da emigración, asociacións de emigrantes retornados, centros galegos da diáspora..., onde recolleu datos e realizou entrevistas que serviron como base do espectáculo teatral. A propia compañía explica así o argumento da obra e o significado do título: "Sempre se soubo, claro está, que as anduriñas son aves de bo agoiro, que alí onde aniñan traen fortu...

Rutas literarias no Museo Provincial de Lugo

Imaxe
Dende hai case vinte anos, o Departamento de Didáctica do Museo Provincial de Lugo vén empregando a literatura como vehículo de comunicación artística, procurando mesturar o inmaterial e o material, a lingua e o patrimonio museístico. Con este obxectivo nace o programa “Rutas literarias”, que pretende que a rapazada do ensino secundario sinta o museo como un espazo de memoria e un lugar onde imaxinar a historia. Tras a lectura do libro  Contos de fantasmas no museo , composto por textos de  Ledicia Costas, Anxo Fariña, Andrea Maceiras e Carlos Negro, o  alumnado de  3.º ESO acudiu, os días 25 e 31 de xaneiro, ao Museo Provincial para realizar presencialmente as rutas literarias derivadas dos relatos. Unha vez a lí, e divididos/as en grupos, os/as rapaces/zas seguiron catro itinerarios diferentes contestando unha serie de preguntas relacionadas tanto coa obra lida como coas coleccións expostas. A xornada rematou coa posta en común das respostas e a valoración, altamen...

Plantando árbores con pinceis

Imaxe
Alumnado de 3.º ESO participou o 24 de xaneiro na iniciativa escolar pola sostibilidade “Plantando árbores con pinceis”. O proxecto intégrase na oferta educativa da Obra Social ABANCA e desenvólvese en cooperación con Doctoy, artista visual especializado no deseño mural gráfico, e Vella Escola, entidade con acreditada experiencia na organización de eventos, talleres e espectáculos de cultura urbana. Unindo cultura e coidado do medio ambiente, a rapazada axudou a realizar, nunha das paredes do ximnasio, un  mural artístico, colaborativo e ecolóxico con pinturas fotocatalíticas anticontaminación, que absorben e depuran os contaminantes que hai no aire, como os óxidos de nitróxeno e outros gases nocivos da industria e o tráfico rodado. Tamén asistiu a un obradoiro de pintado de bolsas de tea, que decorou con motivos naturais. As actividades, en definitiva, serviron para achegar ao alumnado unha mensaxe positiva sobre a protección da natureza, así como para visibilizar alt...