As Neves

O alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC acudiu o 23 de maio a Codex Cinema para ver a película As Neves, que, dirixida e escrita por Sonia Méndez, foi rodada en galego na Fonsagrada, A Pontenova e Santiago de Compostela.

Segundo se le na web de Cósmica Producións, a sinopse do filme, a medio camiño entre o drama adolescente e o thriller rural, é a seguinte:

"As Neves é unha remota poboación de montaña onde todo o mundo se coñece. A noite de entroido os adolescentes da vila celebran unha festa e dróganse con cogomelos por primeira vez. Ao día seguinte espertan coa nova de que Paula, unha das mozas que estaba na festa, desapareceu. Mentres, un temporal de neve chega á localidade e vainos deixando incomunicados e sen internet. A investigación da desaparición de Paula causará un cambio profundo na súa relación co mundo".

Tamén asistiu á proxección Jennifer Soto Romarís, exalumna do IES Ánxel Fole e unha das actrices debutantes que conforman o reparto. Jennifer presentou a cinta á rapazada, explicou algúns pormenores da gravación e compartiu as súas experiencias de xeito próximo e ameno.


Paula Fernández Fulgencio, José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios