Visita ao obradoiro de gaitas Lis
Os pasados días 29 e 30 de abril e mais 6 e 7 de maio, alumnado de 2.º ESO visitou, por quendas, o obradoiro de gaitas Lis, que, situado na rúa Aceroleiro de Lugo, comparte barrio (o da Piringalla) co IES Ánxel Fole.
Alí, a rapazada foi recibida polo propio responsable do taller, Lis Latas, quen, cunha vida dedicada á cultura musical galega, é artesán, instrumentista, vocalista, bailador e profesor de danza tradicional. Da man de Lis, o alumnado puido coñecer a historia do obradoiro, as diversas zonas que conforman as instalacións (sala de tornos, sala de furado, sala de fresado, sala de gravado e impresión 3D e mais sala de probas e estudo de gravación), algunhas das ferramentas e utensilios máis empregados (trades, brocas, gubias, lixas etc.) e o proceso de construción e reparación de gaitas e outros instrumentos de vento (dende a obtención da madeira ata o control de calidade, pasando polo modelado ou o vestido).
A rapazada implicouse activamente e gozou coas explicacións e interpretacións musicais do mestre luthier, así como experimentando por si mesma no estudo de gravación.
Cristina González Franco e Ana Rodríguez Barreiro
Comentarios
Publicar un comentario