Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2025

Canta, miña compañeira

Imaxe
Seguindo cunha iniciativa posta en marcha o curso pasado, este ano tamén se confeccionaron, coa axuda do plotter de impresión e corte dos Polos Creativos, vinilos literarios con textos en galego para decorar as dependencias do centro. No marco dos actos de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado en 2025 ás cantareiras e a poesía popular oral, nunhas das escaleiras de subida ao primeiro andar estampáronse estas fermosas coplas tradicionais, que gaban a amizade, a sororidade e a ledicia de vivir: "Canta, miña compañeira; canta, que cadramos ben. Moitas almas se condenan porque nos levamos ben.   Hei de cantar, hei de rir, hei de ser muller alegre, hei de mandar a tristeza para o demo que a leve".   Ana Rodríguez Barreiro

Cantigas ilustradas

Imaxe
Dentro das actividades de celebración do Día das Letras Galegas, dedicado este ano ás cantareiras e a  poesía popular oral, alumnado de  Educación Plástica, Visual e Audiovisual  de 3.º ESO  creou ilustracións inspiradas en cantigas tradicionais. Para iso, cada estudante seleccionou unha composición poética, deu forma á súa obra plástica empregando a técnica de estampaxe con goma eva como matriz e, finalmente, gravou un vídeo coa imaxe de fondo e o texto recitado ou cantado. O resultado amósannolo nesta fermosa produción audiovisual: Alicia Puchades Tella-Villamarín e  Ana Rodríguez Barreiro

A mocidade activa por unha lingua viva

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO participou o 28 de maio no Correlingua 2025, celebrado baixo o lema "A mocidade activa por unha lingua viva". Portando carteis e pancartas con mensaxes a prol do uso do galego, a rapazada dos centros asistentes iniciou a marcha na praza da Mosqueira, atravesou a praza Maior e a praza de Santa María e subiu á muralla pola rampla da porta de Santiago. Tras un solleiro paseo polo adarve, o alumnado baixou no Campo Castelo e dirixiuse á Horta do Seminario, onde estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes deron lectura ao manifesto. A xornada lúdico-reivindicativa rematou co concerto de Mekánika Rolling Band, grupo gañador da última edición do Cantalingua (o concurso musical do Correlingua) co tema "Vinde a festexar" . Alexandra Cillero Prieto, Ana Rodríguez Barreiro e Benjamín Sande Eslava

Canto tradicional galego: tradición e vangarda

Imaxe
Alumnado de varios grupos de distintos niveis da ESO asistiu, o día 20 de maio, á conferencia "Canto tradicional galego: tradición e vangarda", impartida por Carme López Fernández, musicóloga, profesora da área de Didáctica da Expresión Musical da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e intérprete en formacións como  SondeSeu, Os Minhotos, Raiceira ou Carmela. A exposición, artellada ao redor de contidos visuais, audiovisuais e sonoros tratados con perspectiva de xénero, estruturouse en catro grandes bloques: Marco conceptual. A investigación sobre o canto en Galicia. O canto tradicional galego. Tradición viva. Como complemento desta actividade, a rapazada realizou, antes e despois da conferencia, unha enquisa anónima destinada a recoller datos para o proxecto de investigación da USC "Percepcións sobre o canto tradicional galego no alumnado da ESO". Ana Rodríguez Barreiro

Poeta en Nova York

Imaxe
Afirmaba Federico García Lorca nunha súa conferencia que "non hai poesía escrita sen ollos escravos do verso escuro nin poesía falada sen orellas dóciles, orellas amigas onde a palabra que abrolla transporte por elas sangue aos beizos ou ceo á testa do que oe". Ollos escravos e orellas dóciles atopou a lírica do xenio granadino, vertida ao galego e feita teatro para a ocasión, o pasado 14 de maio, cando alumnado de 4.º ESO e mais de 1.º e 2.º BAC asistiu, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, á representación Poeta en Nova York , baseada no poemario homónimo de García Lorca. A cargo de Baixo da Area Teatro e con dirección de Paloma Lugilde, a montaxe explora algúns dos eixes temáticos, de incuestionable actualidade, que vertebran a obra lorquiana: natureza e civilización, liberdade e opresión, vitalismo e angustia existencial, amor e morte. Cinza, Forma, Traxe e Lorca, os catro personaxes que sosteñen a acción, exprésanse cunha linguaxe onírica, irracional, marcadamente metafó...

Por que cantan as mulleres?

Imaxe
Alumnado de varios grupos de ESO participou o día 6 de maio no concerto didáctico "Por que cantan as mulleres?", a cargo da  pandeireteira e música de tradición oral Branca Villares, que conta con trinta anos de experiencia na práctica, investigación e divulgación da tradición musical galega. No obradoiro, centrado na tradición oral feminina, Branca Villares analizou que, como e por que cantan as mulleres. Para iso, trazou un percorrido polos distintos xéneros e temáticas das cantigas, adentrouse nos rexistros históricos e estableceu conexións entre o noso folclore e outros de Europa, África ou América. Ollando a tradición con perspectiva de xénero, reflexionou tamén sobre a presenza ou ausencia das mulleres no canon cultural, ao tempo que introduciu elementos transversais como a igualdade e a prevención das violencias. Dun xeito vivencial e lúdico, a actividade favoreceu a participación activa do alumnado, que cantou coplas, practicou percusión corporal e mesmo rematou baila...

Profetas

Imaxe
Alumnado de 1.º BAC asistiu o 24 de abril, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, á representación da obra  Profetas , coprodución de Ítaca Teatro e o Centro Dramático Galego. Cun texto de Ernesto Is que resultou gañador  do XVI Premio Abrente da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2021, a peza está dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio e protagonizada por Elea López e Carlos Rebolo. A súa sinopse,  segundo se le na web de Ítaca Teatro, é a seguinte: " Profetas presenta o encontro dunha parella que xa non o é. Dúas persoas que fan balance da súa historia común por medio doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción. Un conto que se conta para contarnos". Ernesta Basanta Cornide, Ana Rodríguez Barreiro e Josefa Teijeiro Veiga

Canta que cadramos ben

Imaxe
Dende hoxe pode verse no taboleiro da lingua do IES Ánxel Fole a exposición "Canta que cadramos ben", elaborada no IES Castelao de Vigo e editada pola Secretaría Xeral da Lingua co gallo do Día das Letras Galegas 2025. A mostra, que vén acompañada dunha unidade didáctica, trata de afondar no coñecemento das cantareiras e a poesía oral popular, así como de lle achegar o noso patrimonio musical e literario á comunidade educativa e ao conxunto da sociedade a través de materiais didácticos novos e orixinais. Ana Rodríguez Barreiro

Encontro con Núñez Singala

Imaxe
Co gallo do Día do Libro, alumnado de distintos grupos de 2.º, 3.º e 4.º ESO participou o 24 de abril nun encontro co escritor lucense Manuel Núñez Singala. O autor reflexionou coa rapazada sobre o oficio de escribir, comentou algunhas das obras lidas este curso nos clubs de lectura do Ánxel Fole e dedicou un exemplar de Instrucións para tomar café  á biblioteca escolar do centro. Mónica Campo Vázquez, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Palabra do Ano 2024: 'cantareira'

Imaxe
Alumnado de 3.º e 4.º ESO do Ánxel Fole asistiu o día 2 de abril, na rúa Menorca de Lugo, á inauguración da placa coa Palabra do Ano 2024: cantareira , vocábulo de plena actualidade tamén en 2025, cando o Día das Letras Galegas se dedicará á poesía popular oral. O acto institucional, organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, contou coa presenza de representantes da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, colectivos vencellados á música tradicional e centros de ensino da cidade. Dende 2014, a  Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven, a través do Portal das Palabras , unha votación popular para escoller a Palabra do Ano. Nas edicións anteriores as elixidas foron  cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) –coincidindo co centenario das Irmandades da Fala–, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). Ana...

Instrucións para tomar café

Imaxe
Co gallo do Día da Narración Oral, que se celebra cada ano o 20 de marzo, alumnado de distintos grupos de 2.º, 3.º e 4.º ESO asistiu á sala da compañía Ítaca Teatro (Lugo) para participar no espectáculo de narración oral Instrucións para tomar café . A montaxe, a cargo de Carlos Rebolo, que se presenta como contador de historias, está inspirada na obra homónima do escritor lucense Manuel Núñez Singala, que o alumnado dos clubs de lectura do Ánxel Fole puido ler este curso. Partindo dese xeito común de hospitalidade que é ofrecer café ás visitas, a adaptación de Ítaca Teatro afonda, con moito humor e retranca, na  cotiandade galega para convertela en extraordinaria. José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

Primeiro contacto co teatro

Imaxe
Alumnado de distintos grupos de 4.º ESO participou os días 28 de febreiro e 14 de marzo no obradoiro "Primeiro contacto co teatro", impartido por Ítaca Artes Escénicas. O taller, desenvolvido en dúas sesións de cen minutos cada unha, perseguía os seguintes obxectivos: Entender o corpo como ferramenta expresiva e comunicativa. Manifestar e identificar emocións no corpo e na voz. Fomentar o traballo en grupo, a escoita e a empatía. Estimular a creatividade, a imaxinación e a sensibilidade. Afrontar o sentido do ridículo. Algúns dos contidos que traballou a rapazada para acadar os devanditos propósitos foron: O movemento e a quietude. As emocións básicas. O espazo escénico. A construción de personaxes. A creación de escenas individuais, en parella e en grupo. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Entroidando

Imaxe
O 28 de febreiro celebrouse o Entroido no centro. A xornada festiva deu comezo ás 12:50 h, cando os grupos participantes abandonaron as súas aulas e acudiron ao vestíbulo para fotografarse na instalación decorativa temática, adobiada con personaxes do entroido tradicional galego. A continuación, o alumnado dirixiuse ao patio cuberto, onde se desenvolveu o desfile de disfraces. Coreografías, música e moito humor fixeron as delicias do público, e o xurado tívoo difícil para escoller as comparsas gañadoras. Nieves Martínez Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Rosalía lucense

Imaxe
D entro das actividades desenvolvidas no Ánxel Fole para conmemorar o Día de Rosalía de Castro, celebrado neste 2025 baixo o lema "Saúde e Terra!", o alumnado de 4.º PDC participou o 20 de febreiro nunha ruta literaria por Lugo, tratando de seguir as pegadas da autora compostelá na cidade das murallas. O itinerario, trazado polas profesoras Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias, incluíu a visita aos seguintes lugares e recursos patrimoniais, relacionados en maior ou menor grao coa figura de Rosalía: 1. Mural de Concepto Circo na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (rúa Benigno Ledo). 2. Mural de Trece Trazos no IES Sanxillao (rolda das Fontiñas). 3. Mural de Sandra Lodi no CEIP das Mercedes (rúa Montirón), con versos da "Alborada", pertencente a  Cantares gallegos : " Arriba / todas, rapaciñas do lugar!, / que o sol / i a aurora xa vos vén a dispertar". 4. CEIP Rosalía de Castro (rúa Cambria), que leva o nome da escritora e posúe un mural re...