Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2024

O herbario de Rosalía de Castro: educación literaria e medio ambiente

Imaxe
No marco do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, da Universidade de Santiago de Compostela, alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC asistiu o 19 de decembro ao relatorio “O herbario de Rosalía de Castro: educación literaria e medio ambiente”, impartido pola profesora da Facultade de Ciencias da Educación María López Sández. O herbario de Rosalía, colección de plantas e flores mencionadas na obra da escritora galega, é un exemplo de traballo interdisciplinario que vencella a literatura e a botánica. O proxecto materializouse, grazas a  María López Sández, M.ª Isabel Fraga Vila e Miguel Fraga Vila, de dous xeitos distintos e complementarios: No libro  O herbario de Rosalía. Nasín cando as prantas nasen ( Fundación Rosalía de Castro, 2022). Nunha exposición que se presentou  no Real Jardín Botánico de Madrid en 2022 e que actualmente se atopa en itinerancia por Galicia. A charla permitiu ao alumnado afondar no tratamento da natureza na obra de Rosalía de Castro, a...

Investigación sobre coñecemento do léxico

Imaxe
Un grupo de alumnado de 4.º ESO participa este curso nun proxecto que, deseñado e desenvolvido polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e polo Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, ten como principal obxectivo valorar o grao de coñecemento do léxico habitual galego e castelán entre estudantes de 4.º ESO de distintos centros de ensino de toda Galicia. No IES Ánxel Fole, a recollida de datos levouse a cabo os días 18 e 19 de decembro. Para iso, o alumnado houbo de identificar nunha enquisa en liña as que, ao seu xuízo, eran as secuencias máis axeitadas ao significado das cincuenta palabras que se lle propuxeron por cada lingua. Na proba de galego, recadáronse, ademais, os datos sociolingüísticos dos/as estudantes. Ana Rodríguez Barreiro

Terra, tempo e xente: introdución á paisaxe histórica

Imaxe
Ao abeiro do programa A Ponte entre o Ensino Medio e a USC, da Universidade de Santiago de Compostela, alumnado de  4.º ESO  do Ánxel Fole asistiu o  17 de decembro  á charla titulada “Terra, tempo e xente: introdución á paisaxe histórica”, a cargo de Carlos Baliñas Pérez, profesor da Facultade de Humanidades de Lugo. Como lembrou o relator, na actualidade (Antropoceno) virtualmente toda paisaxe é froito da intervención humana sobre o medio e, en consecuencia, a paisaxe resulta unha testemuña da historia da humanidade que a habitou. Partindo deses presupostos, a charla achegou o alumnado aos métodos e técnicas de interpretación, investigación e posta en valor da paisaxe humanizada, con referencias especiais ao caso de Galicia. Xabier Molinos Campos e Ana Rodríguez Barreiro

Lecturas compartidas

Imaxe
Xa está a pleno rendemento o club de lectura do profesorado do curso 2024/25 e, como vén sendo habitual nos últimos anos, o EDLG colabora activamente con el, fomentando a selección de obras en galego e participando nas reunións periódicas que celebran os seus membros. No primeiro trimestre do curso, o club do profesorado leu dúas novelas galegas de recente publicación: Tras do Ceo (editorial Xerais), de Manuel Rivas, quen foi galardoado co Premio Nacional das Letras Españolas 2024, e Eu son o monte (editorial Euseino?), primeira novela de Sara Guerrero. Ana Rodríguez Barreiro

Deseñando igualdade

Imaxe
Para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO creou carteis con mensaxes en galego de concienciación, prevención e denuncia da violencia machista e de xénero. Os traballos, elaborados mediante técnicas diversas e maquetados a través da  plataforma de deseño e comunicación visual Canva, expuxéronse no vestíbulo do centro  para que toda a comunidade educativa puidese aprecialos. Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Tíralle da Lingua

Imaxe
Alumnado de Oratoria do IES Ánxel Fole participa no XXIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, convocado pola  Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) co obxectivo de incentivar e normalizar o uso oral da lingua galega. Individualmente ou en grupo, a rapazada gravou vídeos dun máximo de cinco minutos relatando en galego historias que podían ser de base popular, de base literaria ou de creación propia. O xurado valorará especialmente a calidade lingüística, a dicción, a dramatización e o carácter construtivo ou pedagóxico. Mónica Campo Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

O Universo e a exploración espacial

Imaxe
Alumnado de 2.º BAC participou o día 19 de novembro nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na  titulada “O Universo e a exploración espacial”, a cargo de Begoña Vila Costas, doutora en Astrofísica e Enxeñeira Xefa de Sistemas no  Centro de Voo Espacial Goddard  da NASA. A relatora salientou que, se ben o estudo do Universo avanzou moito dende as primeiras observacións realizadas co telescopio de Galileo Galilei, aínda hai moitas cousas que descoñecemos sobre el: Como se formaron as primeiras galaxias e como evolucionaron para crear aquela na que vivimos? Como se orixinou un planeta como o noso? Pode haber outro con auga e vida? Que son a materia e a enerxía escuras? Os novos telescopios espaciais, como o James Webb, o Nancy Grace Roman, o Telescopio de Mundos Habitables e outros que exploran o sistema solar, procuran os datos que nos aproximen ás respostas. Marina López González e Ana Rodríguez Barreiro

A vangarda está na aldea

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO asistiu o día 15 de novembro á charla "A vangarda está na aldea", organizada pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo e impartida polo celador e escritor de Pol Manuel Vázquez, quen foi presentado no IES Ánxel Fole por  Tareixa Ferreiro. No relatorio, que se artellou ao redor de distintos recursos fotográficos e literarios, Manuel Vázquez repasou algúns dos valores da cultura labrega tradicional (a cooperación, a capacidade organizativa nas tarefas comunitarias etc.) e conectounos con principios e prácticas das sociedades actuais (o coidado do medio natural, o benestar animal, o aprecio da calidade alimentaria etc.). A actividade orientouse cara ao estímulo de novas vocacións agrarias e supuxo, en definitiva, unha reivindicación do rural galego e do seu herdo cultural, na liña do que tamén fai o autor na súa primeira novela publicada, O pracer da chuvia (Medulia Editorial, 2023). José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro...

Visita ao conxunto arqueolóxico de Adai

Imaxe
O alumnado de 4.º PDC visitou o 14 de novembro o complexo arqueolóxico de Pedra (ou Pena) Fita, na parroquia de Adai (Lugo), composto, entre outros, polos seguintes elementos: a) Dolmen de Adai, pequeno monumento do Neolítico en cuxa contorna se achan varios montículos de terra que poderían constituír mámoas dunha mesma necrópole. b) Corro dos Mouros ou Castrillón de Adai, círculo lítico da Idade do Bronce que foi obxecto de varias intervencións arqueolóxicas nos últimos anos. Lugar de enterramentos e cerimoniais prehistóricos, a roda de Adai probablemente estivo cuberta cunha coiraza de seixo branquísimo que a faría brillar dende o lonxe; ao seixo atribúenselle na cultura galega fins apotropaicos (para afastar o mal ou propiciar o ben) e psicopompos (para facilitar o tránsito das ánimas cara ao alén). c) Altar de Adai, enigmática estrutura megalítica de orixe e finalidade difíciles de precisar e sen parangón no rexistro arqueolóxico galego. Trátase dunha laxe granítica, de fo...

Un Edificio con Boa Memoria

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO achegouse o día 12 de novembro a Un Edificio con Boa Memoria, o novo programa do Vello Cárcere de Lugo para público escolar. A proposta formativa centrouse na figura do médico republicano Rafael de Vega Barrera (Zazuar, Burgos, 1889 - Lugo, 1936), detido e encadeado tras a sublevación militar do 36, e permitiu á rapazada coñecer a represión sufrida polos presos políticos. A actividade constou de dúas partes: Primeira parte: visita guiada ao edificio, proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros, e presentación da figura de Rafael de Vega. Segunda parte: obradoiro didáctico arredor da exposición permanente “O Vello Cárcere. Da Guerra á Posguerra” e debate final. Marcos Chavarría, Carmen Fernández, Xabier Molinos e Ana Rodríguez

Dá o paso. Emprende no rural

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO asistiu o día 8 de novembro á charla “Dá o paso. Emprende no rural”, unha iniciativa de responsabilidade social da Casa Grande de Xanceda para fomentar entre a xuventude o emprendemento no medio rural. A través dunha formación moi dinámica e participativa, o alumnado aprendeu que é posible ser emprendedor no rural, engadindo valor a un proxecto, e que o tecido empresarial resulta fundamental para loitar contra o despoboamento que está a asolar centos de aldeas de Galicia. A actividade contou cuns convidados moi especiais: Elena Ferro, Gerardo Lagares, Carla Varela e Pepe Sotelo, emprendedores/as de éxito coas súas firmas Eferro, Orballo e Naturavia. Estes/as colaboradores/as relataron, por medio de vídeos, a súa experiencia desenvolvendo traballos no rural e deron consellos para aquelas persoas que se animen no futuro a lanzar o seu propio proxecto. Ana Rodríguez Barreiro

XV Obradoiro e Concurso Galego de Robótica

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO participou o pasado 25 de outubro no XV Obradoiro e Concurso Galego de Robótica, organizado pola  Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), que, baixo o lema "A prol da ciencia galega e do galego na ciencia", traballa para a promoción e o desenvolvemento de actividades científicas en Galicia e defende o emprego da lingua galega no ámbito científico. A rapazada recibiu unha formación previa no propio centro educativo, onde, a través de dous vídeos de Igaciencia, comezou a familiarizarse cos robots e a linguaxe icónica de programación EV3. Despois acudiu ao encontro presencial, celebrado na Coruña e estruturado en dúas etapas: Na primeira media hora, o alumnado interveu nun taller interactivo: realizou algúns programas coa axuda de monitores/as, trasladounos a  robots lego EV3 e procedeu a executalos. A fase de concurso ocupou a hora seguinte, tempo en que se presentou aos/ás estudantes unha serie de desafíos, de dificultade progres...

Charla de Alar Galicia

Imaxe
O alumnado de 2.º e 3.º ESO asistiu, o pasado 17 de outubro, a unha charla sobre adiccións impartida pola asociación de servizos sociais Alar Galicia. A actividade, que se desenvolve por toda a comunidade ata xullo de 2025, enmárcase no  Proxecto Morpheo da citada  entidade e conta co financiamento da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. O relatorio cumpriu, entre outros, os seguintes obxectivos: Previr e concienciar acerca de diversas adiccións: con substancias, sen substancias e condutuais. Educar sobre os riscos asociados ao abuso de substancias e das novas tecnoloxías. Aprender estratexias para regular o emprego das novas tecnoloxías (Internet, móbil, videoxogos etc.) e o tempo que se lles dedica. José Ramón Negro Varela e Ana Rodríguez Barreiro

A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural

Imaxe
O luns máis próximo ao aniversario do falecemento de Tareixa de Xesús (15 de outubro), celébrase cada ano, por iniciativa da Biblioteca Nacional de España, a Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias (FEDEPE) e a Asociación Clásicas e Modernas, o Día das Escritoras. A conmemoración tivo lugar, neste 2024, o 14 de outubro e o lema escollido para a ocasión foi “A periferia da periferia: mulleres que miraron ao mundo rural”, en lembranza das autoras “que mantiveron e manteñen vivo ese mundo rural e a súa cultura, ese campo, esa periferia á que, en xeral, miramos pouco e mal” (Ana Iris Simón, comisaria da IX Edición do Día das Escritoras; a tradución é nosa). Axustándose á temática proposta, profesorado e alumnado do IES Ánxel Fole seleccionaron textos de diversa índole (líricos, narrativos, xornalísticos etc.) de autoras galegas actuais, comentáronos nas aulas e puxéronlles voz en pequenos vídeos que están a ser compartidos nas redes sociais do EDL...

Liberdade para o galego

Imaxe
A biblioteca escolar do IES Ánxel Fole segue a incorporar novidades ao recuncho de normalización e dinamización lingüísticas. O último libro recibido é o ensaio Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua , escrito por Marcos Maceira Eiras e Elsa Quintas Alborés e publicado por Laiovento neste ano 2024. A obra achégase ao concepto de liberdade lingüística e aplícao ao caso concreto do galego, tentando dar resposta a distintos interrogantes, formulados así na web da editorial : "Falemos de liberdade. A que os dicionarios galegos definen como a faculdade pola que se pode realizar a propia determinación, o dereito de actuar segundo os propios criterios e sen imposicións doutros ou fóra do dominio de alguén. É esta a situación do galego? Abonda coa propia vontade para facer uso da lingua do país? Ou existen impedimentos materiais, situacións de coaccións ou condicionantes de calquera tipo que obstaculizan o seu libre desenvolvemento? Pode materializarse o ...

Charla do Centro Superior de Hostalaría de Galicia

Imaxe
Alumnado de 1.º e 2.º BAC do IES Ánxel Fole participou, o pasado 26 de setembro, nunha charla do  Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), que imparte  na Barcia (Laraño, Santiago de Compostela) o grao en Xestión de Empresas Hostaleiras, coas mencións en Dirección Hoteleira e Gastronomía. O CSHG, adscrito á Universidade de Santiago de Compostela (USC), conta cunha experiencia de máis de vinte e cinco anos formando directivos/as hoteleiros/as e xestores/as en cociña para a súa incorporación á industria turística mundial. As instalacións da escola (residencia, zonas verdes, pavillón polideportivo, moderna tecnoloxía...), a educación integral (idiomas, márketing, economía, intelixencia emocional...) e a  metodoloxía teórico-práctica, que parte de situacións reais de traballo, converten o CSHG nun referente do seu sector. Ana Pedreira Castro, Ana Rodríguez Barreiro e  Rodrigo Vázquez García

Galego alén da morte (II)

Imaxe
O curso pasado, realizamos unha serie de visitas a varios dos cemiterios parroquiais da cidade de Lugo na procura de epitafios redactados en lingua galega. Para completar o estudo iniciado entón, o alumnado de PDC de 3.º ESO acudiu o 4 de xuño de 2024 ao cemiterio de San Pedro Fiz de Muxa, onde, unha vez máis, puido constatar a escasísima presenza do galego no ámbito funerario: dun total de 189 panteóns con algún tipo de lenda, ningún posúe inscrición de propiedade na nosa lingua, e só un amosa unha inscrición de defunción en galego. A ficha de recollida de datos completa pode consultarse aquí . A placa en galego atópase no nicho en que repousan os restos do crego  Antonio Gandoy Díaz  (1930-2002), nado en San Fiz e alcumado o Cura da Bicicleta, pola súa afección a desprazarse neste tipo de vehículo. Antonio Gandoy foi delegado de Cáritas Diocesana de Lugo, impulsou o programa educativo dirixido a familias do medio rural Preescolar na Casa e desenvolveu un important...

Vinilos literarios

Imaxe
Tras a extensión da dotación de Polos Creativos a todos os centros de Galicia, o Ánxel Fole pasará a dispoñer deste espazo tecnolóxico con equipamentos especializados de audiovisual e fotografía, electrónica e robótica, fabricación e construción, téxtil e mais informática, todos eles adaptados aos niveis educativos aos que van dirixidos. Á espera da chegada dos materiais definitivos, durante este curso tivemos xa en préstamo un plotter de impresión e corte, máquina que se conecta a un ordenador e, cun software sinxelo, permite crear deseños en cartolina, plástico, tea etc. O profesorado interesado participou en varias sesións formativas sobre o uso do devandito plotter e, posteriormente, confeccionáronse vinilos con textos en galego para decorar distintas dependencias do instituto. Ana Rodríguez Barreiro