Aquelando con chispa

Vinte e un/ha alumnos/as de 2.º ESO C asistiron o día 28 de abril ao Centro Cultural A Ponte Vella de Teo para gravar dous episodios de Aquelando con chispa, programa realizado por Mirabelle Comunicación Audiovisual para a Televisión de Galicia. En cada programa houbo dez alumnos/as como público e dous/dúas alumnos/as que participaron na realización das experiencias xunto cos dous presentadores.


O primeiro programa trataba do equilibrio. Tras unha pequena introdución acerca dos factores que interveñen no equilibrio, desenvolvéronse diversas actividades (malabarismos e xogos con pelotas, vasos ou paus integrantes dunha estrutura) para comprobar en que situacións se mantén a estabilidade e en cales non. A rapazada finalizou o capítulo tentando dar un paseo en bicicleta e constatando que esta só se desprazaba uns metros, debido a que unha modificación nun dos seus elementos rompía o equilibrio.


O segundo programa levaba por título “Pitágoras, o matemático”. Nesta ocasión, o alumnado puido comprobar con diversos materiais (pezas dun tangram, terróns de azucre, auga con colorante e nitróxeno líquido) o famoso teorema do filósofo grego.


Ao rematar a gravación, o grupo, convidado pola produtora, gozou do xantar nun pequeno parque ao carón das instalacións do centro cultural.


Susana Rico Fernández e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios