Obradoiros de educación afectivo-sexual

Ao longo da semana do 28 de marzo ao 1 de abril tiveron lugar no Ánxel Fole varios obradoiros de educación afectivo-sexual, impartidos por un traballador social do centro de asesoramento Quérote + de Lugo, dependente da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia. Os seminarios ofrecéronse aos distintos grupos de 3.º ESO e contaron cunha duración de cen minutos (dúas sesións lectivas).

Tras unha pequena presentación, na cal se informou do enderezo das oficinas de Quérote + en Lugo e dos servizos que prestan á adolescencia (atención profesional de consultas, realización de tests de embarazo e de probas rápidas do VIH, distribución gratuíta de preservativos, etc.), desenvolveuse un coloquio que puxo de manifesto e, nalgúns casos, axudou a combater algunhas das ideas preestablecidas do alumnado sobre a sexualidade e o sexo.

Así, abordáronse cuestións como os obxectivos das relacións eróticas; a importancia nelas do desexo, o gozo e a satisfacción; a diversidade de prácticas no marco dunha erótica global (non exclusivamente xenital nin penetrativa, por tanto); o valor indispensable do autocoñecemento, da comunicación eficaz e empática coa parella, do bo trato, etc.

Por outra banda, abriuse o debate acerca dos patróns de dominio patriarcal evidenciados na pornografía, que, ao ser empregada como modelo de conduta sexual, favorece os comportamentos irrespectuosos, as falsas expectativas e a frustración.

Na última parte da charla reflexionouse sobre a norma de xénero e o sistema sexo-xénero; sobre a non necesaria correspondencia entre a expresión exterior dos individuos, o sexo biolóxico e a identidade sexual; sobre a discriminación que aínda sofren moitas persoas por razón da súa orientación sexual... E pechouse o encontro facendo un chamamento a rachar coas concepcións binarias, a aceptar que a realidade é un continuo cheo de matices e a enriquecérmonos coa diversidade.

Deixamos a continuación algunhas ligazóns a recursos de interese por suposto, existen moitísimos máis para alumnado, profesorado e familias que queiran seguir profundando no tema.

En galego:

En castelán:


Ana Rodríguez Barreiro e Xabier Santiso Carral



Comentarios