Verdades e bulos arredor das denuncias por violencia de xénero

Alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC participou o día 7 de abril na charla titulada “Verdades e bulos arredor das denuncias por violencia de xénero”, que impartiron tres recoñecidos/as xuíces/zas vencellados/as á cidade de Lugo: Dalila Dopazo, maxistrada do Xulgado do Social n.º 3 de Lugo; Sandra Piñeiro, maxistrada do Xulgado de Instrución n.º 2 de Lugo; e Luís Villares, maxistrado da Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Os tres pertencen, ademais, á Irmandade Xurídica Galega, organización que, baixo o lema “En galego. É de lei”, foi creada no ano 2008 para fomentar o uso do idioma galego na Administración de Xustiza.

As persoas relatoras, presentadas pola alumna Sofía González e o alumno Nicolás Herrán, partiron do concepto de violencia de xénero, repasaron as distintas formas en que esta se presenta na sociedade (violencia física, psicolóxica, económica, sexual, dixital, etc.) e centráronse a continuación nalgunhas das falsidades máis divulgadas sobre a violencia de xénero, entre elas as seguintes:

  • feminismo e machismo son equivalentes de sentido contrario;
  • as mulleres denuncian para obter unha prestación de alimentos ou quedar coa casa do home;
  • as mulleres denuncian para conseguir un bo divorcio;
  • case todos os asasinatos machistas son cometidos por estranxeiros;
  • a maior parte das solicitudes de protección débense a estranxeiras que tratan de acadar beneficios e residencia;
  • a lei contra a violencia de xénero é discriminatoria para os homes;
  • a muller non ten que demostrar que foi vítima;
  • a violencia de xénero é un invento das mulleres que denuncian;
  • a violencia é violencia e punto;
  • máis dun millón de homes é denunciado falsamente;
  • moitos homes son asasinados por unha muller e non é violencia contra o home;
  • a violencia de xénero é cousa de maiores, non de xente moza.

Todas estas falacias e enganos foron convenientemente rebatidos polos/as maxistrados/as con numerosos e sólidos argumentos, datos concretos e cifras actualizadas, poñendo de manifesto que as mentiras arredor da violencia de xénero se artellan de maneira deliberada para ser percibidas como verdades, ao tempo que teñen como propósito desacreditar a loita contra a desigualdade entre mulleres e homes e, en definitiva, perpetuar o patriarcado.



Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios