Publicacións

Mostrando publicacións desta data: 2026

Celanova: un paseo pola historia de Galicia

Imaxe
O alumnado de 3.º e 4.º ESO desprazouse ao concello de Celanova o día 25 de marzo para realizar un dos roteiros ofrecidos pola Oficina de Turismo de Celanova e mais a Fundación Curros Enríquez: “Celanova: un paseo pola historia de Galicia”. Alí visitou os seguintes puntos: a) A vila de Celanova, onde destacan o maxestoso mosteiro de San Salvador, boa mostra do barroco galego; a prerrománica capela de San Miguel, único resto conservado da etapa fundacional do mosteiro; ou a Casa dos Poetas, que foi lar da infancia de Manuel Curros Enríquez e hoxe centra a súa actividade na promoción dos escritores celanoveses (Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé Luís Méndez Ferrín etc.). b) Vilanova dos Infantes, cun burgo medieval presidido pola torre da homenaxe do castelo, parcialmente derrubado nas loitas irmandiñas. c) Castromao, cuxo xacemento arqueolóxico constitúe un dos principais referentes da cultura castrexa do noroeste peninsular. Mónica López Souto, Carmen M.ª Pérez Pardo e Ana Ro...

Mais eles tamén perdidos

Imaxe
No marco das actividades propostas pola  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) para conmemorar nos centros de ensino o Día de Rosalía de Castro, celebrado neste 2026 baixo o lema "Mais eles tamén perdidos" , o alumnado de 3.º PDC do IES Ánxel Fole deseñou un rosco de pasapalabra a partir de  termos relacionados coa vida e coa obra de Rosalía. Durante a semana do 23 de febreiro, o xogo desenvolveuse nos distintos grupos de 3.º ESO, conducido polo propio alumnado de PDC.  Seguindo a dinámica do concurso televisivo, o obxectivo último era que as persoas participantes descubrisen, nun tempo dado, as vinte e tres palabras (unha por cada letra do alfabeto galego) que se agochaban tras outras tantas definicións. O pasapalabra rosaliano pode consultarse premendo aquí . Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

O futuro, ou é rural ou non será

Imaxe
O alumnado de 1.º BAC participou o día 25 de febreiro na charla "O futuro, ou é rural ou non será", impartida polo profesor Mario Outeiro Iglesias, da Facultade de Formación do Profesorado, e incluída no programa A Ponte, que a Universidade de Santiago de Compostela implementa en centros de ensino medio. O resumo da charla, facilitado polo propio relator, é o seguinte: "Despois de décadas de políticas desenvolvidas de costas ao rural, esta ampla zona do espazo xeográfico galego segue en pé demostrando unha elevada resiliencia. As ganas de vivir experiencias máis saudables e en contacto coa natureza están a facer que moita xente se anime a retornar ao medio rural para emprender proxectos respectuosos coa cultura local e baseados na sostibilidade. Ao mesmo tempo, a mocidade rural galega deixou de ver o seu lugar de nacemento como algo atrasado e sen futuro e son moitos os que deciden quedar para comezar novos proxectos ou reformular os herdados das anteriores xeracións. O ...

Miradas femininas

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO acudiu os días 19 e 25 de febreiro ao Museo Provincial de Lugo para participar na actividade "Miradas femininas", que propón un percorrido polo papel da muller na historia da arte e da museografía. A través de distintas obras da colección do museo, o estudantado reflexionou sobre o influxo do contexto social patriarcal nas manifestacións artísticas e nas modas de cada momento, ao tempo que comprobou como a arte feminina foi mudando en paralelo aos cambios sociais. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

O portugués: unha ferramenta galega para a xestión cultural

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC asistiu o día 23 de febreiro á charla " O portugués: unha ferramenta galega para a xestión cultural", impartida polo profesor e escritor Carlos  Callón Torres e incluída nas charlas temáticas que a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do programa A Ponte, dirixe a estudantes de ensino medio. O relator explorou o papel do portugués como idioma de proxección internacional no presente, con raíz histórica no reino de Galicia e que supón un instrumento de futuro para o noso país. Ademais, analizou o valor estratéxico desta lingua  no ámbito da administración da cultura, así como  o seu peso formativo no grao  en Xestión Cultural  do campus de Lugo da USC. Carmen M.ª Pérez Pardo e Ana Rodríguez Barreiro

Entroido 2026

Imaxe
Co gallo do Entroido, desenvolvéronse varias actividades no Ánxel Fole: a) Exposición na biblioteca escolar dunha selección de obras sobre o Entroido galego. b) Elaboración, por parte do alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO, de máscaras representativas dos movementos de vangarda (cubismo, surrealismo, futurismo, expresionismo etc.). O traballo inspirouse nun proxecto da dou tora en Belas Artes, profesora  e  blogueira  Mayalen Piqueras. c) Gran desfile de disfraces, celebrado o día 13 de febreiro coa participación de numeroso alumnado e profesorado. Non faltaron os bailes, a música, o humor e, por suposto, os premios para as mellores comparsas. Ana Rodríguez Barreiro

Obradoiro da letra

Imaxe
O alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO e de Debuxo Artístico de 1.º BAC participou, dende o 28 de xaneiro ata o 6 de febreiro, nun obradoiro de letra manual, impartido por J. M. Juaristi ao longo de varias sesións. No taller, as persoas asistentes comezaron reflexionando sobre a finalidade da escritura (práctica ou estética) e achegándose aos elementos fundamentais da caligrafía. A continuación, practicaron a escritura con pluma, coñeceron algúns estilos históricos (fundacional, chanceleresco, negro gótico etc.) e realizaron manuscritos mediante diversos procedementos. A actividade conectou o traballo de aula co lema das bibliotecas escolares de Galicia deste curso: “Biblioteca escolar + deseño = viaxe á creatividade”. Alicia Puchades Tella-Villamarín e  Ana Rodríguez Barreiro

Visita á Domus

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO das materias de Tecnoloxía e Intelixencia Artificial para a Sociedade visitou, o día 29 de xaneiro, a Domus, primeiro museo interactivo do mundo dedicado integramente ao ser humano e segundo dos tres Museos Científicos Coruñeses. O edificio, obra do arquitecto xaponés Arata Isozaki, ten máis de 150 módulos interactivos para divertirse e profundar nas características da especie humana, a través de exposicións, xogos ou obradoiros sobre nutrición, anatomía, xenética, evolución, tecnoloxía, intelixencia artificial etc. Iria López López, Karen Elvira Rodríguez Arias e Ana Rodríguez Barreiro

Por terras de Friol e Sobrado

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO realizou unha saída cultural o día 14 de xaneiro para coñecer a fortaleza de San Paio de Narla e o mosteiro de Sobrado dos Monxes. A fortaleza de San Paio de Narla (A Castronela, Xiá, Friol), documentada dende o século XIV, atópase actualmente integrada na Rede Museística Provincial de Lugo. O edificio está composto por tres corpos (torre da homenaxe, corpo central e torreón) e unha capela exterior, que acollen coleccións de historia e etnografía  (apeiros de labranza, obxectos relacionados cos oficios tradicionais, cerámica, armas brancas e de fogo etc.). O mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes (Sobrado, A Porta, Sobrado), situado no Camiño Norte a Santiago, é un gran complexo de orixe medieval (s. X) que viviu unha ampla época de esplendor entre os séculos XV e XVIII e que hoxe en día segue habitado por unha comunidade cisterciense. O alumnado puido visitar os claustros, a cociña gótica, a sala capitular ou a impoñente igrexa barroca. Froilán Herrán Go...

Voar! Voar!

Imaxe
Un curso máis, seguimos a confeccionar, empregando o plotter de impresión e corte dos Polos Creativos, vinilos literarios con textos en galego para decorar as dependencias do centro. Para dar a benvida ao ano novo e lembrar a figura do desaparecido compositor, músico e escritor Roberto Iniesta, en xaneiro vertemos uns dos seus versos ao galego e estampámolos nun dos corredores da planta baixa.  Veñan ventos favorables para o 2026, e a voar! " Rompeu a cadea que ataba o reloxo ás horas. Parou a chuvieira; agora somos flotando dúas pingas. Agarrado un momento á cola do vento, síntome mellor. Esquecinme de poñer no chan os pés e síntome mellor. Voar! Voar!".   Ana Rodríguez Barreiro