Charla de Iago Eireos

Alumnado de 3.º ESO, 4.º ESO e 1.º BAC asistiu hoxe, no salón de actos do instituto, a unha charla do artista local Iago Eireos (Lugo, 1980), cabeza visible do laboratorio de proxectos artísticos Espacio Lupa Arte e organizador, xunto coa Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, do festival de arte na rúa Culturbán.

O relator achegou ao alumnado os pormenores do seu labor como xestor cultural, centrándose fundamentalmente nas actividades ligadas ao Culturbán, durante cuxa celebración as rúas da cidade se converten, a un tempo, en obradoiro de traballo, lenzo e galería de arte. Así, Iago Eireos explicou en que consisten os combates de pintura mural ao aire libre e referiuse a algúns dos murais de gran formato máis emblemáticos de Lugo, recollidos tamén na nosa publicación Arte urbana lucense. Fichas de catalogación.

O acto pechouse cun pequeno coloquio, no que o alumnado se interesou pola obra de creación de Iago Eireos, preguntou polos seus edificios preferidos á hora de realizar murais ou quixo saber se, a día de hoxe, é posible vivir da arte urbana.



Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios