Do tradi ao trap. Baila, morena!

Dous grupos de alumnado, un de 1.º BAC e outro de 4.º ESO, participaron esta mañá no obradoiro "Do tradi ao trap. Baila, morena!", impartido por Branca Villares, mestra de canto tradicional, pandeireta, pandeira e pandeiro en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia de Lugo.

A proposta que Branca Villares leva polos centros de ensino parte dun proxecto colectivo de revisión do cancioneiro popular galego dende unha perspectiva de xénero e convida a reflexionar sobre a presenza da violencia contra as mulleres nas letras de distintas manifestacións musicais populares, dende as coplas tradicionais ata o reguetón ou o trap.


"Mi madre no quiere que vaya al molino,
porque el molinero se mete conmigo.
Se mete conmigo, me rompe la saia,
también el vestido.
Mi madre no quiere que vaya al molino".


"Si vas á botica,
non vaias sola;
mira que o boticario
ten a mao larga.
Ten a mao larga,
gasta pistola.
Si vas á botica,
non vaias sola".

A relatora, a través da interpretación de música en vivo, así como da teatralización de divertidas escenas que desenvolveu coa colaboración e a complicidade do alumnado, abordou temas tan serios e complexos como o acoso, o abuso en xeral (mediante o uso da forza, a ameaza, a intimidación ou o engano) e o abuso sexual en particular.

O obradoiro completouse co visionado dalgúns videoclips e anuncios publicitarios, nos que o alumnado puido seguir identificando prácticas cotiás de hipersexualización e cousificación dos corpos das mulleres.

Se che interesou a viaxe polas expresións musicais de antes e de agora trazada por Branca Villares e queres afondar en como contamos e cantamos a nosa propia historia, podes consultar as seguintes ligazóns:


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios