Ignoradas

Para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, alumnado de 1.º, 3.º e 4.º ESO elaborou carteis reivindicando a figura de mulleres esquecidas pola Historia, cuxos nomes foron silenciados e cuxos méritos mesmo chegaron a ser atribuídos a homes. Os pósteres, coas verbas Ignorada e Búscase, inclúen unha imaxe de cada unha das mulleres seleccionadas, unha breve descrición das súas achegas e un código QR que permite acceder a un cuestionario en que identificar as mulleres que acadaron os logros que se enuncian.

Científicas, investigadoras, profesoras, escritoras, artistas, etc., de distintas épocas e procedencias, tomaron as xanelas e os muros do instituto para facerse presentes á comunidade educativa.


Mulleres empoderadas e libres, algunhas chegaron a sobrepasar os límites do centro e mesturáronse coa poboación dos barrios da Piringalla e A Milagrosa, onde hai quen as viu compartindo espazo con algunhas das obras de arte urbana da cidade.

Para elas, sempre, o noso recoñecemento e agradecemento. Porque, como nos lembra a poeta Yolanda Castaño e tan ben cantan as Leilía, se non fose por elas, como iamos camiñar?

A miña voz, compañeiras,
non naceu para afastar.
Se non fose por vosoutras,
como ía camiñar?

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada.
Dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada.

A miña voz, compañeiras,
tráioa para partillar.
Se non fose por vosoutras,
como ía camiñar?

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e farémonos grandes,
temos xuntas a forza dos mares.
Dáme a man e farémonos grandes,
temos xuntas a forza dos mares.

A voz das miñas amigas
dáme folgos pra avanzar.
Se non fose por vosoutras,
como ía camiñar?

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
todas xuntas non temos fronteira,
ven comigo, miña compañeira.
Todas xuntas non temos fronteira,
ven comigo, miña compañeira.

Miña irmá, miña irmá, miña amiga,
tan igual a min e tan distinta,
dáme a man e faremos cordada,
ven comigo, miña camarada.
Todas xuntas non temos fronteira,
ven comigo, miña compañeira.



Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios