Despedida da Candeloria

Con gratitude e esperanza,
para Luz, Lines, Eva, Xabi, Benjamín, Jesús e o alumnado participante de 3.º ESO e 1.º BAC.
Por crer que a vida é mellor con paxaros, música e poesía.

Se o pasado día 2 festexabamos o triunfo da luz e o casamento dos paxaros, hoxe, para despedir febreiro, mes da Candeloria, instalamos nunha das árbores do patio do instituto unha fermosa caixa-niño de madeira. Recibímola como agasallo do departamento de Agraria do IES Plurilingüe San Rosendo de Mondoñedo, a quen agradecemos o seu agarimoso xesto.

Baixo as pólas que acubillan a caixa-niño, recitamos varios poemas (de Séchu Sende, Navia Rivas de Castro, María Lado, Marta Dacosta, Daniel Salgado e Leo Arremecághona) relacionados, en certo modo, coa Candeloria e cos paxaros, e soaron a gaita e a pandeireta para interpretar algunhas pezas da tradición musical galega.





Con desexos de salvación e florecemento, compartimos a continuación o texto de Leo Arremecághona. E oxalá o próximo febreiro algúns paxariños estean xa a aniñar connosco.

que o sol de febreiro te
salve, que a candeloria
che fose propicia e que
o sol do homero che fale
na lingua que prefira
a raíz milenaria do teu sangue
que teñas un curruncho
no mundo en que fitar
de fronte o sol da primavera
e que as túas terminacións
nerviosas te solivianten
ou soergan contra a noite
e que te salves ou florezas
sempre, despois ou antes






Poden verse máis fotos do acto no álbum da nosa páxina de Facebook.


Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios