Conferencia-concerto de Abraham Cupeiro

O alumnado de Música de 3.º e 4.º ESO e mais de 1.º BAC participou o 23 de febreiro nunha conferencia-concerto de Abraham Cupeiro, músico e musicólogo entre cuxos traballos destacan os discos Os sons esquecidos (2017), coa Real Filharmonía de Galicia, e Pangea (2020), coa Royal Philharmonic Orchestra londinense. Cupeiro, nado en Sarria en 1980, é especialmente coñecido por recuperar e reconstruír instrumentos ancestrais, unha boa mostra dos cales nos presentou no Ánxel Fole.

O acto desenvolveuse como unha viaxe sonora a través do tempo e do espazo. Abraham comezou lembrando algúns dos instrumentos máis primitivos, construídos con palla, óso ou plumas, para realizar a continuación un percorrido que nos levou pola antiga Roma, Persia, China, Armenia, Venecia, os capiteis das igrexas románicas, o Renacemento, o Barroco, a Revolución Industrial..., sempre combinando as explicacións teóricas, amenas e cargadas de anécdotas, coas sorprendentes interpretacións musicais.



A conferencia-concerto supuxo unha reivindicación da diversidade cultural e da riqueza musical dos pobos, feita dende Galicia e en galego, pero conectada e aberta ao mundo. A buguina, o cornu, o karnix, a trompeta natural... resoarán xa para sempre xunto aos ouveos dos lobos de Fole.




Ana Rodríguez Barreiro


Comentarios