Publicacións

Mostrando publicacións desta data: novembro, 2025

XXIV Tíralle da Lingua

Imaxe
A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) convoca este ano o XXIV Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua, que busca incentivar e normalizar o uso oral do galego entre a rapazada. Por segundo curso consecutivo, alumnado de Oratoria do Ánxel Fole súmase á iniciativa, relatando e gravando historias de base popular, de base literaria ou de creación propia. No vídeo pode escoitarse, na voz dun estudante de 4.º ESO, a lenda da cova do Rei Cintolo: Moita sorte a todas as persoas participantes! Mónica Campo Vázquez e Ana Rodríguez Barreiro

Que é e por que é tan importante o Proxecto Xenoma Galicia, e que beneficios vai traer?

Imaxe
O alumnado de Bioloxía e Xeoloxía de 4.º ESO participou o día 25 de novembro nunha das videoconferencias promovidas por Igaciencia co gallo do Mes da Ciencia en Galego, en concreto na de Ángel Carracedo Álvarez, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela e director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica (Consellería de Sanidade), titulada "Que é e por que é tan importante o Proxecto Xenoma Galicia, e que beneficios vai traer?" . O resumo do relatorio, tomado da páxina web da organización, é o seguinte: "O Proxecto Xenoma Galicia, co que intentamos secuenciar o xenoma completo de 400 000 galegos e que ademais ofrece un cribado de cancro de mama e ovario hereditario, síndrome de Lynch e hipercolesterolemia, é, por porcentaxe de poboación, o proxecto de xenómica poboacional máis importante do mundo. Vai representar unha revolución sen precedentes no noso sistema de investigación e nos sectores biotecnolóxico e farmacéutico, nos que podemos chegar a ser ...

V Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais

Imaxe
No marco dos actos organizados pola Deputación de Lugo para conmemorar o 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o alumnado de 1.º BAC do IES Ánxel Fole participou, o pasado 21 de  novembro, na V Xornada Querémonos Vivas, Libres e Iguais. No encontro, celebrado no salón de actos do pazo de San Marcos, interviñeron destacadas mulleres de distintos ámbitos profesionais (sociólogas, escritoras, xuristas e actrices), que reflexionaron, entre outras cuestións, sobre a igualdade e a empatía como piares da convivencia, o feminismo como ferramenta de transformación social, os mitos do amor romántico entre a mocidade, a ciberviolencia e o machismo nas redes etc. Carmen Fernández Anllo e Ana Rodríguez Barreiro

XVI Obradoiro e Concurso Galego de Robótica

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO participou o día 14 de novembro no XVI Obradoiro e Concurso Galego de Robótica, organizado pola Institución Galega de Ciencia (Igaciencia), que traballa "A prol da ciencia galega e do galego na ciencia". O encontro, celebrado na Coruña, desenvolveuse en dúas fases. Na primeira media hora, a rapazada interveu nun taller interactivo, onde recibiu formación básica sobre a programación de robots. Durante a hora seguinte, tivo lugar un concurso por equipos, que puxo a proba a creatividade do alumnado, os seus coñecementos computacionais e a súa capacidade para resolver problemas de xeito colaborativo. Diego Brezmes Villaraviz, Raquel González Suso e Ana Rodríguez Barreiro

EnRedando co Galego 2025: presentación

Imaxe
O 12 de novembro tivo lugar, no salón de actos do Ánxel Fole, a presentación da edición anual de  EnRedando co Galego, unha iniciativa da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e mais da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). O escritor Lois Pérez, como representante da organización, explicou as bases do proxecto, facendo fincapé nas dúas modalidades de participación existentes: A través das redes sociais: como mínimo unha vez á semana, ao longo de tres semanas, o alumnado compartirá nas redes vídeos ou textos escritos onde reflexione sobre o uso da lingua galega no seu día a día; as publicacións tamén poderán ser vídeos de corte artístico (literarios, musicais etc.). A través da Escola de Escritoras e Escritores da AELG: os/as estudantes que prefiran prescindir das redes sociais adentraranse na creación literaria e elaborarán poemas, contos, ensaios, monólogos, producións audiovisuais etc. que remitirán á AELG. Coñecido o tr...

O que soñamos pola noite, pero non nos atrevemos a dicir durante o día

Imaxe
Alumnado de 4.º ESO participou, o pasado 4 de novembro, no obradoiro teatral “O que soñamos pola noite, pero non nos atrevemos a dicir durante o día”, unha iniciativa da compañía Bengala Teatro Físico. Cunha duración de cen minutos, o taller estruturouse en dúas partes. Na primeira, centrada no traballo físico, a persoa facilitadora propuxo á rapazada unha serie de exercicios a través dos que aprender a coñecer o seu corpo en movemento e poder profundar nas súas emocións e pensamentos. Na segunda, máis vencellada á expresión artística, o alumnado creou unha peza colectiva poñendo en práctica os exercicios iniciais e cinguíndose a unha temática concreta. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Exposición de células

Imaxe
Durante as últimas semanas, o alumnado de 3.º ESO confeccionou, na materia de Bioloxía e Xeoloxía, coloridas maquetas de células, para as que se serviu de materiais diversos (poliestireno expandido, plastilina, cartolina etc.) e de moita imaxinación. As maquetas, coas que se inaugura o Mes da Ciencia en Galego no IES Ánxel Fole, poden verse expostas no vestíbulo do centro. Lourdes Novoa Álvarez e Ana Rodríguez Barreiro