Un, dous, tres. Canta e baila do revés

Alumnado de 4.º ESO asistiu o 27 de marzo ao obradoiro "Un, dous, tres. Canta e baila do revés", impartido por Branca Villares, mestra de canto tradicional, pandeireta, pandeira e pandeiro en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia de Lugo. A relatora, que comezou lembrando a súa traxectoria no eido da música tradicional, desenvolveu unha sesión interactiva e altamente participativa, na que a rapazada tivo que elaborar os seus propios textos e soltarse a cantar.

Partindo dun canto de chamada popular, Branca Villares explicou a estrutura (na que se distinguen coplas e retrouso), as características métricas (estrofas de catro versos octosílabos con rima asonante nos pares) e a base melódica (compás de 2/4) habituais na improvisación oral en verso e en moitas das composicións tradicionais galegas.

Axúdame, compañeira.

Axúdame, camarada.

Axúdame, compañeira,

a facer a foliada.

Despois, o alumnado distribuíuse en grupos, escolleu unha temática (o amor, o traballo, a festa, a reivindicación social, etc.) e un modo ou ton para tratala (serio, irónico, intenso, metafórico, etc.) e, nun exercicio de creatividade literaria, escribiu letras usando recursos como encabezamentos dados, leixapréns, xogos de palabras, figuras literarias do nivel fónico, etc.

O obradoiro finalizou coa posta en común do traballo realizado polos distintos grupos, cuxos membros interpretaron as súas coplas acompañados no retrouso polo resto da clase.


Ana Rodríguez Barreiro



 

Comentarios