As mulleres conquistan os vidros

Con motivo da celebración do 8M, Día Internacional da Muller, alumnado de 4.º ESO de Educación Plástica, Visual e Audiovisual e mais de 2.º BAC de Debuxo Artístico realizou diversas intervencións artísticas nos escaparates de establecementos comerciais do barrio da Piringalla, ao que pertence o IES Ánxel Fole, así como nas fiestras do propio centro educativo.

As composicións inclúen imaxes de mulleres, de épocas e procedencias xeográficas variadas, que destacaron polas súas achegas a distintos ámbitos (as artes plásticas, a literatura, o cine, o deporte, a política, a ciencia, etc). Cada representación vai acompañada dalgúns datos sobre a vida e a obra das mulleres seleccionadas e, no caso dos escaparates dos negocios, tamén de elementos gráficos alusivos á actividade comercial desenvolvida en cada un deles (tendas de alimentación, cafetarías, librarías, autoescolas, salóns de peiteado, etc.).

Remarcando o simbolismo da data, as únicas cores empregadas foron o branco, o negro e o violeta, en traballos cun predominio das liñas continuas e moduladas e cunha estética moi coidada, resultado dun proceso de deseño longo e meticuloso.

As intervencións, que se encadran no proxecto de arte urbana levado a cabo no instituto nos dous últimos cursos, cumpren un dobre obxectivo: visibilizar o papel da muller na sociedade e afianzar os lazos entre o centro de ensino e a súa contorna, favorecendo un maior coñecemento do barrio por parte do alumnado e poñendo en valor o comercio de proximidade e o consumo sostible.



Paula Fernández Fulgencio, Alicia Puchades Tella-Villamarín e Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios