II Concurso de Fotohaikus: o Entroido
Para festexar o Entroido, o EDLG do IES Ánxel Fole convoca o II Concurso de Fotohaikus, de acordo coas seguintes bases:
OBXECTIVO
O concurso ten por finalidade a potenciación da creatividade artística a través da conxunción da palabra e a imaxe, así como o coñecemento e a difusión das tradicións galegas vencelladas ao Entroido.
PERSOAS DESTINATARIAS
O certame vai destinado a toda a comunidade educativa do IES Ánxel Fole: alumnado, profesorado, pais / nais do alumnado e persoal de administración e servizos.
CATEGORÍAS
Establécense tres categorías:
- Categoría A: alumnado de 1.º, 2.º e 3.º ESO.
- Categoría B: alumnado de 4.º ESO e de 1.º e 2.º BAC.
- Categoría C: persoas adultas (profesorado, pais / nais do alumnado e persoal de administración e servizos).
CARACTERÍSTICAS DOS TRABALLOS
As persoas participantes escribirán, en lingua galega, un haiku (composición poética de orixe xaponesa que consta de tres versos de cinco, sete e cinco sílabas, respectivamente) sobre calquera superficie ou soporte (papel, tea, madeira, vidro, pel, terra, area, etc.) e tiraranlle unha fotografía. Tamén será posible editar unha foto sobrescribindo nela o texto do haiku.
Os fotohaikus, presentados en formato JPG, tratarán o tema do Entroido galego: tradicións, personaxes, músicas e bailes, gastronomía, etc.
As obras deben ser individuais, orixinais e inéditas.
PRAZO E PROCEDEMENTO DE ENVÍO
Os traballos remitiranse, antes do remate do día 24 de febreiro de 2023, ao enderezo de correo electrónico do EDLG do IES Ánxel Fole: galegofole@gmail.com.
No asunto farase constar "II Concurso de Fotohaikus" e no corpo da mensaxe incluiranse os seguintes datos:
- Nome completo do/a autor/a.
- Curso e grupo (só no caso do alumnado).
- Nome completo do/a fillo/a e mais curso e grupo en que este/a está matriculado/a (só no caso de pais / nais do alumnado).
- Categoría pola que participa.
- Correo electrónico.
- Teléfono.
PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
Poderá facerse unha primeira escolla entre as creacións recibidas, para o cal se valorará a adecuación ao molde métrico do haiku, a corrección lingüística, a calidade literaria, a composición fotográfica, a orixinalidade da proposta, etc.
As obras preseleccionadas serán compartidas posteriormente na páxina de Facebook A fala do Fole, onde se decidirán as gañadoras de cada categoría por votación popular.
PREMIOS
Concederanse tres premios, un en cada categoría, consistentes nun bono, por valor de 30 €, para gastar na librería da cidade de Lugo que se indique.
A participación no concurso leva aparellada a aceptación destas bases, polo que aqueles traballos que incumpran algunha delas serán rexeitados. Calquera cuestión relativa á interpretación e aclaración das bases corresponde á organización.
Ana Rodríguez Barreiro
Comentarios
Publicar un comentario