Cumpriuse a xustiza

O Día de Rosalía 2023, celebrado baixo o lema "Cumpriuse a xustiza" (verbas do poema "A xustiza pola man", incluído en Follas novas), lembramos a Rosalía máis combativa e solidaria, a que tantas veces denunciou as inxustizas do seu tempo (a pobreza, a emigración, a subordinación da muller, o centralismo español...) e defendeu as persoas marxinadas, oprimidas, maltratadas, os "desherdados da fortuna".

Seguindo as propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) para os centros de ensino, alumnado de 3.º e 4.º ESO do Ánxel Fole seleccionou imaxes de prensa alusivas ás inxustizas do mundo actual e, sobre a silueta do rostro de Rosalía, creou unha colaxe que se acompañou da pregunta "Que diría Rosalía?". Por outra banda, o alumnado tamén compuxo textos (poemas, microrrelatos, pequenos ensaios...) sobre as problemáticas sociais do presente (os conflitos bélicos, a explotación laboral, a desigualdade de xénero, o racismo, o acoso escolar, etc.). As palabras uníronse ás imaxes e, penduradas xuntas no vestíbulo do centro, puxeron de relevo a vixencia que seguen a ter hoxe en día as reivindicacións rosalianas.

O propio 23 de febreiro, aniversario do nacemento da escritora, agasallamos con camelias a Rosalía e reunímonos no salón de actos para ler o manifesto da AELG, unha escolma de poemas de temática social de Rosalía e mais algúns dos textos redactados polo alumnado. As palabras de Carme Adán, autora do manifesto, aínda resoan nos nosos ouvidos:

"Dos moitos legados de Rosalía de Castro, destacamos un, o da filósofa que sabe libre o seu pensar e non cede ante as cadeas impostas. Rosalía ensinounos da liberdade do pensamento que se afunde na realidade para interrogala por un futuro mellor. Se só cantamos as pombas e as flores, as luces de cores dos nosos autorretratos dixitais, de que teremos a alma?

Se desoímos os berros do noso tempo, de que teremos a alma?".







Ana Rodríguez Barreiro

Comentarios