Publicacións

Mostrando publicacións desta data: febreiro, 2026

Mais eles tamén perdidos

Imaxe
No marco das actividades propostas pola  Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega  (AELG) para conmemorar nos centros de ensino o Día de Rosalía de Castro, celebrado neste 2026 baixo o lema "Mais eles tamén perdidos" , o alumnado de 3.º PDC do IES Ánxel Fole deseñou un rosco de pasapalabra a partir de  termos relacionados coa vida e coa obra de Rosalía. Durante a semana do 23 de febreiro, o xogo desenvolveuse nos distintos grupos de 3.º ESO, conducido polo propio alumnado de PDC.  Seguindo a dinámica do concurso televisivo, o obxectivo último era que as persoas participantes descubrisen, nun tempo dado, as vinte e tres palabras (unha por cada letra do alfabeto galego) que se agochaban tras outras tantas definicións. O pasapalabra rosaliano pode consultarse premendo aquí . Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

O futuro, ou é rural ou non será

Imaxe
O alumnado de 1.º BAC participou o día 25 de febreiro na charla "O futuro, ou é rural ou non será", impartida polo profesor Mario Outeiro Iglesias, da Facultade de Formación do Profesorado, e incluída no programa A Ponte, que a Universidade de Santiago de Compostela implementa en centros de ensino medio. O resumo da charla, facilitado polo propio relator, é o seguinte: "Despois de décadas de políticas desenvolvidas de costas ao rural, esta ampla zona do espazo xeográfico galego segue en pé demostrando unha elevada resiliencia. As ganas de vivir experiencias máis saudables e en contacto coa natureza están a facer que moita xente se anime a retornar ao medio rural para emprender proxectos respectuosos coa cultura local e baseados na sostibilidade. Ao mesmo tempo, a mocidade rural galega deixou de ver o seu lugar de nacemento como algo atrasado e sen futuro e son moitos os que deciden quedar para comezar novos proxectos ou reformular os herdados das anteriores xeracións. O ...

Miradas femininas

Imaxe
O alumnado de 3.º ESO acudiu os días 19 e 25 de febreiro ao Museo Provincial de Lugo para participar na actividade "Miradas femininas", que propón un percorrido polo papel da muller na historia da arte e da museografía. A través de distintas obras da colección do museo, o estudantado reflexionou sobre o influxo do contexto social patriarcal nas manifestacións artísticas e nas modas de cada momento, ao tempo que comprobou como a arte feminina foi mudando en paralelo aos cambios sociais. Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

O portugués: unha ferramenta galega para a xestión cultural

Imaxe
O alumnado de 4.º ESO e 1.º BAC asistiu o día 23 de febreiro á charla " O portugués: unha ferramenta galega para a xestión cultural", impartida polo profesor e escritor Carlos  Callón Torres e incluída nas charlas temáticas que a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a través do programa A Ponte, dirixe a estudantes de ensino medio. O relator explorou o papel do portugués como idioma de proxección internacional no presente, con raíz histórica no reino de Galicia e que supón un instrumento de futuro para o noso país. Ademais, analizou o valor estratéxico desta lingua  no ámbito da administración da cultura, así como  o seu peso formativo no grao  en Xestión Cultural  do campus de Lugo da USC. Carmen M.ª Pérez Pardo e Ana Rodríguez Barreiro

Entroido 2026

Imaxe
Co gallo do Entroido, desenvolvéronse varias actividades no Ánxel Fole: a) Exposición na biblioteca escolar dunha selección de obras sobre o Entroido galego. b) Elaboración, por parte do alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO, de máscaras representativas dos movementos de vangarda (cubismo, surrealismo, futurismo, expresionismo etc.). O traballo inspirouse nun proxecto da dou tora en Belas Artes, profesora  e  blogueira  Mayalen Piqueras. c) Gran desfile de disfraces, celebrado o día 13 de febreiro coa participación de numeroso alumnado e profesorado. Non faltaron os bailes, a música, o humor e, por suposto, os premios para as mellores comparsas. Ana Rodríguez Barreiro

Obradoiro da letra

Imaxe
O alumnado de Expresión Artística de 4.º ESO e de Debuxo Artístico de 1.º BAC participou, dende o 28 de xaneiro ata o 6 de febreiro, nun obradoiro de letra manual, impartido por J. M. Juaristi ao longo de varias sesións. No taller, as persoas asistentes comezaron reflexionando sobre a finalidade da escritura (práctica ou estética) e achegándose aos elementos fundamentais da caligrafía. A continuación, practicaron a escritura con pluma, coñeceron algúns estilos históricos (fundacional, chanceleresco, negro gótico etc.) e realizaron manuscritos mediante diversos procedementos. A actividade conectou o traballo de aula co lema das bibliotecas escolares de Galicia deste curso: “Biblioteca escolar + deseño = viaxe á creatividade”. Alicia Puchades Tella-Villamarín e  Ana Rodríguez Barreiro