Poeta en Nova York
Afirmaba Federico García Lorca nunha súa conferencia que "non hai poesía escrita sen ollos escravos do verso escuro nin poesía falada sen orellas dóciles, orellas amigas onde a palabra que abrolla transporte por elas sangue aos beizos ou ceo á testa do que oe". Ollos escravos e orellas dóciles atopou a lírica do xenio granadino, vertida ao galego e feita teatro para a ocasión, o pasado 14 de maio, cando alumnado de 4.º ESO e mais de 1.º e 2.º BAC asistiu, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, á representación Poeta en Nova York, baseada no poemario homónimo de García Lorca.
A cargo de Baixo da Area Teatro e con dirección de Paloma Lugilde, a montaxe explora algúns dos eixes temáticos, de incuestionable actualidade, que vertebran a obra lorquiana: natureza e civilización, liberdade e opresión, vitalismo e angustia existencial, amor e morte. Cinza, Forma, Traxe e Lorca, os catro personaxes que sosteñen a acción, exprésanse cunha linguaxe onírica, irracional, marcadamente metafórica e simbólica, que afunde as súas raíces no surrealismo. Altas doses de experimentación escénica, música en directo e a proximidade do público aos actores e actrices completan un espectáculo verdadeiramente engaiolante, capaz, como quería o poeta, de levar o ceo á testa de quen escoita.
Marisol López, José Ramón Negro, Ana Rodríguez e Lines Salgado
Comentarios
Publicar un comentario