Publicacións

Mostrando publicacións desta data: maio, 2025

A mocidade activa por unha lingua viva

Imaxe
Alumnado de 2.º ESO participou o 28 de maio no Correlingua 2025, celebrado baixo o lema "A mocidade activa por unha lingua viva". Portando carteis e pancartas con mensaxes a prol do uso do galego, a rapazada dos centros asistentes iniciou a marcha na praza da Mosqueira, atravesou a praza Maior e a praza de Santa María e subiu á muralla pola rampla da porta de Santiago. Tras un solleiro paseo polo adarve, o alumnado baixou no Campo Castelo e dirixiuse á Horta do Seminario, onde estudantes do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes deron lectura ao manifesto. A xornada lúdico-reivindicativa rematou co concerto de Mekánika Rolling Band, grupo gañador da última edición do Cantalingua (o concurso musical do Correlingua) co tema "Vinde a festexar" . Alexandra Cillero Prieto, Ana Rodríguez Barreiro e Benjamín Sande Eslava

Canto tradicional galego: tradición e vangarda

Imaxe
Alumnado de varios grupos de distintos niveis da ESO asistiu, o día 20 de maio, á conferencia "Canto tradicional galego: tradición e vangarda", impartida por Carme López Fernández, musicóloga, profesora da área de Didáctica da Expresión Musical da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e intérprete en formacións como  SondeSeu, Os Minhotos, Raiceira ou Carmela. A exposición, artellada ao redor de contidos visuais, audiovisuais e sonoros tratados con perspectiva de xénero, estruturouse en catro grandes bloques: Marco conceptual. A investigación sobre o canto en Galicia. O canto tradicional galego. Tradición viva. Como complemento desta actividade, a rapazada realizou, antes e despois da conferencia, unha enquisa anónima destinada a recoller datos para o proxecto de investigación da USC "Percepcións sobre o canto tradicional galego no alumnado da ESO". Ana Rodríguez Barreiro

Poeta en Nova York

Imaxe
Afirmaba Federico García Lorca nunha súa conferencia que "non hai poesía escrita sen ollos escravos do verso escuro nin poesía falada sen orellas dóciles, orellas amigas onde a palabra que abrolla transporte por elas sangue aos beizos ou ceo á testa do que oe". Ollos escravos e orellas dóciles atopou a lírica do xenio granadino, vertida ao galego e feita teatro para a ocasión, o pasado 14 de maio, cando alumnado de 4.º ESO e mais de 1.º e 2.º BAC asistiu, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, á representación Poeta en Nova York , baseada no poemario homónimo de García Lorca. A cargo de Baixo da Area Teatro e con dirección de Paloma Lugilde, a montaxe explora algúns dos eixes temáticos, de incuestionable actualidade, que vertebran a obra lorquiana: natureza e civilización, liberdade e opresión, vitalismo e angustia existencial, amor e morte. Cinza, Forma, Traxe e Lorca, os catro personaxes que sosteñen a acción, exprésanse cunha linguaxe onírica, irracional, marcadamente metafó...

Por que cantan as mulleres?

Imaxe
Alumnado de varios grupos de ESO participou o día 6 de maio no concerto didáctico "Por que cantan as mulleres?", a cargo da  pandeireteira e música de tradición oral Branca Villares, que conta con trinta anos de experiencia na práctica, investigación e divulgación da tradición musical galega. No obradoiro, centrado na tradición oral feminina, Branca Villares analizou que, como e por que cantan as mulleres. Para iso, trazou un percorrido polos distintos xéneros e temáticas das cantigas, adentrouse nos rexistros históricos e estableceu conexións entre o noso folclore e outros de Europa, África ou América. Ollando a tradición con perspectiva de xénero, reflexionou tamén sobre a presenza ou ausencia das mulleres no canon cultural, ao tempo que introduciu elementos transversais como a igualdade e a prevención das violencias. Dun xeito vivencial e lúdico, a actividade favoreceu a participación activa do alumnado, que cantou coplas, practicou percusión corporal e mesmo rematou baila...