Publicacións

Mostrando publicacións desta data: abril, 2025

Profetas

Imaxe
Alumnado de 1.º BAC asistiu o 24 de abril, no auditorio Gustavo Freire de Lugo, á representación da obra  Profetas , coprodución de Ítaca Teatro e o Centro Dramático Galego. Cun texto de Ernesto Is que resultou gañador  do XVI Premio Abrente da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia en 2021, a peza está dirixida por Carlos Álvarez-Ossorio e protagonizada por Elea López e Carlos Rebolo. A súa sinopse,  segundo se le na web de Ítaca Teatro, é a seguinte: " Profetas presenta o encontro dunha parella que xa non o é. Dúas persoas que fan balance da súa historia común por medio doutras historias do cinema e da literatura. Cuestións como o compromiso político e artístico, o amor e a creación están presentes nunha peza que funciona como un xogo de agochados, de abismos e de saltos entre realidade e ficción. Un conto que se conta para contarnos". Ernesta Basanta Cornide, Ana Rodríguez Barreiro e Josefa Teijeiro Veiga

Canta que cadramos ben

Imaxe
Dende hoxe pode verse no taboleiro da lingua do IES Ánxel Fole a exposición "Canta que cadramos ben", elaborada no IES Castelao de Vigo e editada pola Secretaría Xeral da Lingua co gallo do Día das Letras Galegas 2025. A mostra, que vén acompañada dunha unidade didáctica, trata de afondar no coñecemento das cantareiras e a poesía oral popular, así como de lle achegar o noso patrimonio musical e literario á comunidade educativa e ao conxunto da sociedade a través de materiais didácticos novos e orixinais. Ana Rodríguez Barreiro

Encontro con Núñez Singala

Imaxe
Co gallo do Día do Libro, alumnado de distintos grupos de 2.º, 3.º e 4.º ESO participou o 24 de abril nun encontro co escritor lucense Manuel Núñez Singala. O autor reflexionou coa rapazada sobre o oficio de escribir, comentou algunhas das obras lidas este curso nos clubs de lectura do Ánxel Fole e dedicou un exemplar de Instrucións para tomar café  á biblioteca escolar do centro. Mónica Campo Vázquez, Ana Rodríguez Barreiro e Lines Salgado Iglesias

Palabra do Ano 2024: 'cantareira'

Imaxe
Alumnado de 3.º e 4.º ESO do Ánxel Fole asistiu o día 2 de abril, na rúa Menorca de Lugo, á inauguración da placa coa Palabra do Ano 2024: cantareira , vocábulo de plena actualidade tamén en 2025, cando o Día das Letras Galegas se dedicará á poesía popular oral. O acto institucional, organizado pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, contou coa presenza de representantes da Real Academia Galega e a Fundación Barrié, colectivos vencellados á música tradicional e centros de ensino da cidade. Dende 2014, a  Real Academia Galega e a Fundación Barrié promoven, a través do Portal das Palabras , unha votación popular para escoller a Palabra do Ano. Nas edicións anteriores as elixidas foron  cibercarracho (2023), comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) –coincidindo co centenario das Irmandades da Fala–, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014). Ana...